A Estrada acolleu a segunda mesa sectorial orientada a afondar na loita contra o despoboamento e o apoio á industria local

David Regades anunciou o impulso a un “plan industrial cun proxecto claro” para as comarcas de Tabeirós-Terra de Montes e o Deza da man do candidato á alcaldía da Estrada, Luis López Bueno
Por o 15/03/2019 | Sección: Política,PSOE
A Estrada acolleu a segunda mesa sectorial orientada a afondar na loita contra o despoboamento e o apoio á industria local
Compartir en:

A sede da agrupación socialista da Estrada acolleu a segunda mesa sectorial do PSdG-PSOE de Pontevedra co obxectivo de coñecer experiencias de éxito na loita contra o despoboamento e na posta en marcha de incentivos para o asentamento de industrias na comarca de Tabeirós e Terra de Montes. “Nos últimos sete anos A Estrada perdeu 132 empresas e máis de 1.300 persoas en idade de traballar”, expuxo o candidato socialista á alcaldía da Estrada, Luis López Bueno, quen comezou a rolda de intervencións da mesa destacando a imperante necesidade de que A Estrada recupere peso industrial. “E iso conseguirémolo con solo industrial público, apoiando ás empresas que se queiran establecer no municipio e ás que xa traballan aquí e dotando ao rural de servizos básicos necesarios como alumeado, saneamento, auga…”, relatou.

No coloquio estivo tamén presente o secretario xeral provincial e delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades. “A Zona Franca ten que ter presencia na Estrada; imos impulsar un plan industrial cun proxecto claro que debemos trasladar ao norte da provincia: Tabeirós, Terra de Montes e o Deza”.

Regades asegurou que a “única forma” de fixar poboación no territorio “pasa por crear emprego”, condición indispensable á que habería que sumarlle “servizos e infraestruturas”. O secretario xeral provincial dirixiuse ao candidato á alcaldía da Estrada para asegurarlle que a partir de maio “imos traballar xuntos para confeccionar una política industrial que cree máis e mellor emprego na Estrada”.

O exemplo de Silleda e de como o goberno socialista conseguiu reverteu a situación de declive deste concello foi tamén obxecto de análise na mesa. Da man do seu alcalde, Manuel Cuiña, os participantes coñeceron as accións que se puxeron en marcha para incentivar a chegada de novas industrias, freando o despoboamento e conseguindo medrar no último ano en empresas e veciños. “Despois dunha década de perda de poboación no Deza, no último ano só Silleda gañou veciños e iso debémolo ás políticas transversais de apoio ao emprendemento, acompañamento ao sector agrogandeiro e posta en marcha de plans de aforro enerxético, como a rede de calor, que nos acaba de facer acredores dun premio do Colexio de Enxeñeiros de Galicia”, explicou o edil silledense, quen destacou que a revitalización do seu polígono industrial foi obxecto de análise por parte doutros concellos galegos, que se interesaron polas medidas postas en marcha polo goberno socialista de Silleda.

Pola súa parte, Carlos López Font, deputado provincial, fixo un repaso ás accións da Deputación para impulsar a economía da provincia e dotar de recursos aos concellos destinados a fixar poboación. “Este goberno socialista puxo en marcha o proxecto SmartPeme, un proxecto ambicioso de asesoramento para aplicar as TIC a pequenas e medianas empresas que conta xa con sete oficinas en Cambados, Lalín, O Porriño, Ponteareas, Pontevedra, Barro e Vigo”, defendeu Font.

Entre as virtudes e logros deste programa, o deputado provincial sinalou a potenciación do comercio electrónico e das plataformas de exposición de produtos e pasarelas de pago electrónico, así como os que comprenden a xestión, asesoramento e capacitación, accesible a todas as usuarias e usuarios da rede SmartPeme, en materia de crecemento, innovación e internacionalización empresarial.

Ademais deste servizo, a Deputación puxo en marcha os viveiros de empresas de Lalín e Barro, “espazos nos que se poidan desenvolver proxectos e impulsar ideas, pero tamén un lugar para a formación, a innovación e o asesoramento” para empresas que estean a dar os seus primeiros pasos.

O deputado autonómico Abel Losada tamén participou desta mesa sectorial, na que criticou a “claudicación” do goberno de Feijóo en política industrial, denunciando que esta responde “a intereses ou ben locais ou ben partidarios”.

“O IGAPE está desaparecido coa conseguinte falta de financiación, os niveis de inversión en I+D+i están a niveis de Turquía ou Ucraína e falta solo industrial”, puxo como exemplos Losada, nomeando expresamente a Axencia de Industrias Forestais de Galicia que se ía levar a cabo na Estrada e que quedou no tinteiro.

Estas mesas sectoriais son un dos eixos sobre os que as e os socialistas construirán o seu programa marco de cara as próximas eleccións municipais. Así, as propostas recollidas no marco destes encontros serán traballadas con posterioridade nos órganos do partido para convertelas en ideas concretas e incorporalas aos programas que se presentarán á cidadanía.

Comentar noticia

Your email address will not be published.