A Deputación afronta os últimos pasos para executar as obras de humanización da estrada provincial EP-1104 entre Moaña e Coiro. O proxecto, valorado en 690.000 euros, está xa a licitación e as empresas construtoras dispoñen dun prazo para presentar ofertas que remata o próximo día 26. Unha vez adxudicadas, o prazo de execución será de seis meses, polo que o municipio morracense estreará a mellora ao longo deste ano. Os deputados de Infraestruturas, Gregorio Agís, e de Cultura e Igualdade, Victoria Alonso, visitaron hoxe a zona xunto coa alcaldesa, Leticia Santos, varios concelleiros/as e o presidente da asociación veciñal San Martiño.
O proxecto é froito dun convenio, asinado o pasado mes de xuño entre Deputación e Concello, polo que a institución provincial achega o 70% (483.000 euros) e a municipal o 30% restante (outros 207.000 euros) e supón un paso máis a prol do modelo de mobilidade sostible e integradora promovido pola Deputación na Rede Provincial de Estradas. Consiste na instalación de sendas peonís, plataforma única e soterramento completo dos servizos e trátase dunha primeira fase ata a consecución dos terreos necesarios para prolongala a través dos núcleos de Abelendo e A Feira.
Gregorio Agís destacou que a EP-11004 articula unha zona densamente poboada a través dun trazado sinuoso e estreito, xerando así problemas de seguridade. A calzada actual ten un ancho variable de entre 6 e 7 metros e, aínda que as marxes son transitables, carecen da accesibilidade e seguridade necesarias para os peóns, polo que era necesario xerar espazos específicos par usos peonís.
“Imos converter este tramo nunha avenida, cun logrado acabado estético e óptimas condicións de seguridade, poñendo así en valor aos peóns antes que aos vehículos; agardamos que isto sirva para convencer aos veciños do tramo seguinte”. Gregorio Agís engadiu que asistimos a unha mostra máis de que a Deputación é a principal “aliada institucional” dos concellos da provincia “e iso é algo que non nos custa nada, porque entendemos que colaborar cos concellos é traballar pola xente”. “Entendemos que os concellos son maiores de idade e coñecen as realidades que hai sobre o terreo”. “Hai moita sintonía entre a Deputación e o Concello de Moaña, como co resto dos concellos da provincia con independencia da súa cor política”, concluíu, ”e iso fai posible acometer obras tan complexas como esta”.
Leticia Santos agradeceu o impulso da Deputación na transformación de Moaña e da asociación veciñal na consecución dos terreos. “Este é un proxecto moi ilusionante, que é posible gracias á vontade de cambiar a vida das persoas e dignificar a zona, un exemplo máis do modelo que queremos e compartimos a Deputación e o Concello”. A alcaldesa desexou que, unha vez vistos os resultados desta actuación “se lle quiten as dúbidas á veciñanza” do tramo restante para ceder os terreos necesarios. “A xente vai entender que prescindir dun cacho do espazo privado en favor do colectivo é importante”. Leticia Santos lembrou que este treito da EP-1104, “como non hai outra alternativa de lecer, utilízase a cotío pola veciñanza para camiñar, a pesar de que os vehículos fixéronse donos e señores”. “Pretendemos convertela nun verdadeiro espazo público”, rematou.
José Manuel González, presidente da asociación de veciños San Martiño destacou que Deputación e Concello actúan coordinadamente sobre “un lugar privilexiado” e amosouse confiado en que, unha vez rematada esta obra, serán posibles as cesións no segundo tramo. “O cambio na recuperación dos espazos públicos é imparable”, afirmou.
Case 600 metros, entre sendas peonís e plataforma única
As obras abranguen un tramo de 560 metros entre os PQ 1+200 e 1+780, entre a curva do río de Figueirido ata o remate da recta do Casal. Case 400 metros contarán con sendas peonís en ambas beiras e o resto disporá de plataforma única con prioridade peonil. O proxecto deseñouse en función das posibilidades en cada punto de ampliar a sección.
Nos tramos nos que foi posible ensanchar gracias á posibilidade de retranquear os peches das propiedades, manterase o dobre carril de circulación rodada cun ancho total de 6 metros, engadindo sendas peonís de uns 3 metros de anchura. Esta configuración aplicarase a un primeiro de 249 metros dende o inicio da estrada e a un segundo, de 144 metros a partir do PQ 0+436. Está previsto executar tamén un paso de peóns sobreelevado e varios redutores físicos de velocidade (badéns).
No resto do tramo, cunha lonxitude duns 200 metros, onde as aliñacións edificatorias apegadas á calzada xa non permiten os retranqueos haberá unha plataforma única de convivencia, con prioridade peonil e debidamente sinalizada sobre pavimento de formigón.
Ademais está prevista a dotación de drenaxe das augas pluviais en todo o percorrido, construción de 9 muros de contención e varias varandas. Ao longo de todo o traxecto procederase a renovar completamente a iluminación pública, con novos farois e luces con tecnoloxía led. Os servizos de subministro eléctrico e de telecomunicación s quedarán tamén soterrados. O proxecto inclúe, ademais, a instalación de mobiliario urbano, como bancos de madeira e unha papeleira nun espazo que se habilitará unha pequena praza. Finalmente habilitaranse alcorques para a delimitación das árbores existentes, ademais da plantación de 4 olivos.
Ao longo deste mes de xaneiro a Deputación está a licitar catro obras de mellora da seguridade viaria na Rede Provincial de Estradas cun orzamento total de 1,3millóns de euros. Ademais da EP-1104 Moaña-Coiro, vai acometer actuacións na EP-9402 Mosteiro-Barrantes (Meis) por valor de 311.000 euros, EP-6003 Soutolongo-Doade (Lalín), valorada en 171.400 euros e, finalmente, Portela-Souto de Vea (Cuntis), por outros 109.720 euros.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.