A Eurocidade Tui-Valença presenta o primeiro almanaque da súa historia

Vénse de editar un almanaque que recolle seis paisaxes de Tui e seis de Valença realizados pola pintora galega María Meijide
Publicado por o día 18/01/2019 na sección de Galicia,Tui

A Eurocidade Tui-Valença presenta o primeiro almanaque da súa historia

Eurocidade Tui-Valença presentou este mediodía o seu primeiro almanaque conxunto que nace con vocación de continuidade e que plasma o patrimonio e a vida de Tui e de Valença a través de doce láminas obra da artista plástica galega María Meijide.  Edítanse 1.000 exemplares – 500 para Tui que serán distribuídos en establecementos públicos – cun investimento de preto de 5 mil euros sufragado a parte iguais por Tui e Valença.

Na presentación deste mediodía o alcalde, Carlos Vázquez Padín, manifestou que este tipo de actividades e iniciativas conxuntas contribúen a ir fomentando e creando unha identidade da Eurocidade cada vez máis forte. Indicaba que “é unha forma con moito simbolismo de ligarnos”. Concluía que se somos quen de darlle continuidade “pode converterse nunha tradición e nunha referencia”.

Pola súa parte o presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro, apuntaba que os cidadáns poderán ao longo do ano visualizar a través das ilustración do almanaque o patrimonio da Eurocidade.

O concelleiro de Cultura, Eduardo Freiría,  destacou a longa traxectoria da artista plástica María Meijide que retratou agora á Eurocidade neste almanaque.  Mentres María Meijide explicaba que realizou ao natural estas ilustración en acuarela con tinta nos meses de novembro e decembro plasmando non só  patrimonio senón a vida de Tui e Valença.

O almanaque da Eurocidade Tui-Valença permite ao longo dos doce meses do ano realizar  unha viaxe pictórica polas dúas cidades, abrindo e pechando coa vistas de Tui e de Valença dende a vella ponte internacional que ilustran, xaneiro e decembro.  A capela de San Teotonio, a Catedral e a igrexa de San Telmo son a imaxe de febreiro, marzo e abril respectivamente. O calendario tamén recolle unha panorámica da fortaleza valenciana ou das rúas do seu interior, do conxunto histórico dende unha estación de servizo. Como  curiosidade en agosto recóllese a ilustración do Paseo da corredoira e o palco da música feita a dobre páxina no caderno de María Meijide e así se recolle, na imaxe impresa onde aparecen os buracos da espiral que une as follas.