A evolución da cidade de Berlín a través de vivencias persoais centrou a conferencia do Doutor José Linhard no centro galego de Barcelona

“Cheguei a unha cidade destruída nun oitenta por cento que hoxe é unha das máis interesantes de Europa e do Mundo”, sinalou o profesor e empresario, quen traballou no Protocolo da Cidade de Berlín e na Oficina de Información do Goberno Federal na capital alemá, ademais de colaborar na refundación do Consulado de España
Por o 27/01/2019 | Sección: Cultura
A evolución da cidade de Berlín a través de vivencias persoais centrou a conferencia do Doutor José Linhard no centro galego de Barcelona

“A miña vida en Berlín. 1956-1978” é o título da conferencia coa que o doutor José Linhard ofreceu onte, no Centro Galego de Barcelona, unha visión da cidade de Berlín a través das súas vivencias persoais. Unha charla encadrada nas actividades de divulgación cultural organizadas pola entidade que preside Carlos Mandianes, quen presentou o acto.

“Cheguei a unha cidade destruída nun oitenta por cento que hoxe é unha das máis interesantes de Europa e do Mundo”, sinalou o profesor e empresario, quen traballou no Protocolo da Cidade de Berlín e na Oficina de Información do Goberno Federal na capital alemá, ademais de colaborar na refundación do Consulado de España Nado en Barcelona de pais alemáns, o doutor Linhard trasladouse á capital alemá en 1957 para facer unha aprendizaxe nuns almacéns nos que os seus pais foran directivos antes da guerra. Posteriormente, estudiou Medicina e Socioloxía na Universidade Libre de Berlín. A casualidade quixo que, por encargo do Servizo de Protocolo do Goberno alemán, traballara como intérprete de español, posto que desenvolveu para personalidades como o excanciller Willy Brandt e mandatarios de España e Latinoamérica.

Por petición do entón Embaixador español, colaborou na refundación do Consulado de España en Berlín. O Goberno español concedeulle a Cruz de Plata da Orde de Isabel a Católica.

FUNDADOR DA “TERTÚLIA MIGDIA”

Despois dun ano en Perú, rematou os seus estudos en 1967 e incorporouse ao Departamento de Investigación da empresa Schering AG (hoxe Bayer), onde participou activamente no desenvolvemento da píldora contraceptiva. A empresa destinouno a Madrid en calidade de CEO en 1979 e, aos catro anos, rexeitou a oferta de volver a Berlín e se estableceu en Barcelona, onde creou unha empresa propia do sector farmacéutico, ademais de dar clases en diversas universidades.

De 1996 a 2002, e tras vender a súa empresa, foi profesor na Universidade de Carolina del Norte (Estados Unidos), regresando despois a Barcelona, onde continuou coas súas actividades no ensino. En 2004 fundou a “Tertúlia Migdia”, que celebra reunións mensuais nas que, nestes 15 anos, teñen participado alcaldes, cónsules de varios países e outras personalidades da vida política e social.

Comentar noticia

Your email address will not be published.