A evolución do turismo en Galicia en xullo foi 22 puntos superior á media española con preto de 600.000 pernoitas

Na comparativa interanual, cae un 51% fronte ao 73% do resto de España e mantense como a quinta con máis turistas, por diante de destinos como Canarias
Publicado por o día 24/08/2020 na sección de Galicia,Turismo

A evolución do turismo en Galicia en xullo foi 22 puntos superior á media española con preto de 600.000 pernoitas

A evolución do turismo en Galicia foi en xullo 22 puntos superior á media española, segundo se desprende dos datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE). En concreto, o descenso da demanda hoteleira na Comunidade foi do 51% fronte ao 73% do conxunto do Estado.

Os establecementos hoteleiros galegos recibiron no sétimo mes do ano un total de 257.870 turistas, o que sitúa a Galicia como a quinta comunidade con maior volume. Estes viaxeiros realizaron preto de 600.000 pernoitas, en concreto 598.513. A nivel de mercado, o turismo de proximidade continúa a ter máis relevancia no turismo en Galicia, xa que o viaxeiro nacional gaña presencia fronte ao internacional, máis afectado polas restricións de mobilidade. En concreto, o peso do turismo interno medra oito puntos e o turismo nacional sube tres. O internacional perde 11 puntos.

No mes de xullo foi especialmente importante a reactivación da oferta hoteleira debido ao notable aumento no número de negocios que permaneceron abertos, un total de 1438, é dicir, 808 máis que no mes de xuño. Hai un ano, o número de establecementos abertos era de 1.749, polo que Galicia ofertou o 85% das prazas dispoñibles.

A nivel territorial, no que atinxe á comparativa por provincias, a caída da demanda foi do 43% en Ourense, do 47% en Pontevedra, 53% na Coruña e do 63% en Lugo.

Estabilidade dos prezos

Asemade, o INE permite este mes analizar algúns parámetros económicos que indican que as tarifas hoteleiras descenderon levemente neste mes, un 0,7% en particular, o que denota certa estabilidade, con prezos medios que se manteñen, a grandes trazos, semellantes aos de xullo de 2019 malia a situación sanitaria derivada da covid-19.

A propósito destes datos, o conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, subliñou o “enorme esforzo” que o sector turístico galego está a facer este verán para recuperar a actividade. Malia que, como sinalou, “a todos nos gustaría que os datos fosen outros”, destacou o traballo os profesionais desta industria para lograr situar á Comunidade 22 puntos por encima da media española, no momento de maior dificultade que se recorda, tras varios anos cun sobresaínte crecemento cualitativo.

Plan de reactivación

Neste sentido, lembrou que a Xunta de Galicia coñece as dificultades que está a vivir o sector turístico e, ante este difícil situación, mantén o seu compromiso por reforzar a colaboración público-privada. Así, o Goberno autonómico e o sector levan meses traballando en varias liñas simultáneas no marco do Plan de Reactivación do sector turístico, que inclúe medidas como o programa Galicia destino seguro, dotado con 8M€ en distintas liñas de acción, ou o Bono Turístico, que está a funcionar con éxito, pois xa foi solicitado por máis de 12.000 persoas, e supón unha inxección directa de 5 M€ ao tecido empresarial.

Comentar noticia

Your email address will not be published.