Unha expedición formada por tres mulleres, Chus Lago, Verónica Romeu e Rocío García, percorre desde fai once días o lago Baikal. Trátase do lago máis antigo do planeta e tamén o maior depósito de auga doce que posuímos. A chamada “perla de Asia” é unha xigantesca masa de auga situada no centro de Siberia que se estende 31.494 km2 de norte a sur. É, ademais, fogar dun centenar de especies endémicas e está recoñecido como Patrimonio da humanidade pola UNESCO.
Chus Lago e o seu equipo están a atravesar o Baikal de sur a norte, nunha travesía que persegue un dobre obxectivo: cumprir un reto deportivo e ser unha chamada de atención sobre os efectos que o cambio climático ten para os ecosistemas das rexións polares.
Nos últimos 100 anos, o Baikal experimentou un aumento de temperatura de 1,2º que provoca que agora se conxele durante 18 días menos ao ano. As deportistas están a experimentar na súa aventura un grosor do permafrost (a capa xeada que cobre a superficie do lago de febreiro a abril) menor ao esperado, que as obriga a avanzar con extrema cautela e arrimarse á beira para facer noite. Nas breves comunicacións que se puideron establecer coas deportistas, sinalaron que o xeo ao moverse fai uns ruídos ensordecedores que non cesan nin de día nin de noite e atopáronse con fracturas de ata 4 metros de ancho.
A travesía percorrerá un total de 700 km, repartidos en aproximadamente 30 días, durante os que as deportistas non realizan paradas de avituallamiento e dormen acampadas sobre o propio lago xeado, soportando temperaturas inferiores a -30º e cargando en zorras dun 80 kg de peso con todo o necesario para sobrevivir durante un mes nunha contorna tan hostil.


Noticias de última hora en Vigo