A exposición ‘Arquivos: gobernanza, memoria e patrimonio’ reúne algúns dos tesouros do patrimonio documental galego

O Arquivo de Galicia celebra o Día Internacional dos Arquivos con esta nova mostra, que ofrece 40 documentos e fotografías vinculados coa educación, a saúde pública ou a participación cidadá
Publicado por o día 08/06/2018 na sección de Cultura

A exposición ‘Arquivos: gobernanza, memoria e patrimonio’ reúne algúns dos tesouros do patrimonio documental galego

O Arquivo de Galicia inaugurou hoxe a mostra Arquivos: gobernanza, memoria e patrimonio, que recolle o lema co que se celebra este ano o Día Internacional dos Arquivo. A exposición reúne unha selección dalgúns dos tesouros documentais que custodia o Arquivo de Galicia e que reflicten diferentes accións de goberno nos ámbitos da educación, o desenvolvemento económico, a saúde pública ou a participación cidadá, entre outros.

“Son documentos que forman parte do patrimonio documental galego, constitúen a memoria da nosa sociedade e son o noso legado para as xeracións futuras. Así de relevantes son estes fondos”, salientou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante o acto de inauguración, no que estivo acompañado da subdirectora xeral de Arquivos, Marina García Pita, e da xefa do servizo do Servizo do Arquivo de Galicia, Mar García Miraz. Para o responsable de Cultura, “é obrigado recordar a importancia dos documentos, dos arquivos e do patrimonio documental na salvagarda do estado de dereito, no desenvolvemento de institucións transparentes e responsables, como garantes da conservación da memoria colectiva”.

Corenta documentos e fotografías

Desde a véspera do Día Internacional dos Arquivos e ata o 17 de setembro, a mostra exhibe unha selección de 40 documentos e fotografías, entre os que se inclúen un documento de 1578 do arquivo familiar de Pita da Veiga sobre a defensa ante o ataque do príncipe de Orange ás costas galegas, un caderno escolar de Leopoldo Calvo Sotelo, imaxes de folgas de traballadores e dun proxecto de instalación dunha central hidroeléctrica de Augas de Galicia de 1952, salvocondutos do século XVI ou a relación de nóminas de homes e mulleres da empresa Massó de Avilés na década dos setenta do pasado século, que dá conta da desigualdade laboral.

Como parte da celebración do Día Internacional dos Arquivos, o Arquivo de Galicia organiza hoxe unha xornada de portas abertas e ata o 15 de xuño ofrece visitas guiadas ás dúas exposicións que alberga, Santiago. Protección e transformación e Arquivos: gobernanza, memoria e patrimonio. Para participar é precisa inscrición previa.

Celebración anticipada nos arquivos de xestión autonómica

O Día Internacional dos Arquivos, auspiciado polo Consello Internacional de Arquivos (ICA nas súas siglas en inglés), instaurouse no 2008 e escolleuse a data do 9 de xuño por ser o día en que se creou este organismo no ano 1948. Os arquivos de xestión autonómica celebraron esta efeméride ao longo de toda a semana con xornadas de portas abertas, visitas teatralizadas, mostras e obradoiros. O obxectivo é compartir o seu traballo diario e a darlle maior difusión ao patrimonio que custodian.