A exposición “Nado en pedra” prorroga a súa estadía no concello de Silleda ata finais de setembro

A Carballeira das Pedrosas acolle a mostra composta por unha vintena de esculturas realizadas polo alumnado da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra
Publicado por o día 05/09/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

A exposición “Nado en pedra” prorroga a súa estadía no concello de Silleda ata finais de setembro

A Deputación de Pontevedra, a petición do Concello de Silleda, prorroga a estadía da exposición itinerante “Nado en Pedra” ata finais de setembro. Esta mostra, feita pola Escola de Cantería da institución provincial, pódese visitar na Carballeira das Pedrosas dende agosto.

“Nado en pedra” é unha mostra que busca pór en valor os traballos realizados dende a Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra. A exposición componse dunha vintena de pezas de gran tamaño, algunha delas de máis de 1.000 quilos de peso, que teñen por temática central a figura humana. Algunhas das esculturas amosan oficios tradicionais da nosa terra como a ferrería, a costura ou a propia cantería, mentres que outras se centran en estampas da vida cotiá.

Esta mostra xa percorreu con gran éxito outros concellos da provincia, como Caldas, A Guarda, Pontevedra, O Rosal, Nigrán e Cambados ou tamén o concello de Santiago de Compostela na provincia da Coruña. Igualmente pasou por Vigo “Nado en pedra. Formas e figuras”, unha iniciativa similar pero centrada non tanto en figuras humanas senón, como indica o seu nome, en formas e figuras humanas pero tamén de obxectos, cousas ou animais.

Os traballos do alumnado e do profesorado da Escola de Canteiría deixaron pegada no patrimonio arquitectónico popular de Galicia e de todo o mundo: Fortaleza (Brasil), Maracaibo (Venezuela), Manila (Filipinas), La Paz (Bolivia), Nova York (EEUU), Nicaragua, Querétaro (México), Rio Gallegos e Bos Aires (Arxentina), Montevideo (Uruguai), Chile, Cuba, Alemaña, Francia, Suíza, Romanía e Portugal. Tamén son numerosos as alumnas e alumnos que forman parte dos equipos de restauración de emblemáticos edificios históricos como son A Sagrada Familia, a catedral de Santiago de Compostela, a catedral de Westminster, así como obras de recuperación do Capitolio en Washington.