A exposición “Rompe. Xoga en igualdade” pode visitarse no vestíbulo do Concello de Lalín ata o 15 de outubro.

Mañá martes 9 de outubro, contaremos coa presenza de Isabel Blanco (unha das autoras do proxecto) que fará visitas guiadas (cunha duración aproximada dunha hora) a partir das 10 da mañá, e no que poderán participar todas as persoas que así o desexen.
Por o 08/10/2018 | Sección: Galicia
A exposición “Rompe. Xoga en igualdade” pode visitarse no vestíbulo do Concello de Lalín ata o 15 de outubro.

Con esta proposta preténdese reivindicar a igualdade entre homes e mulleres e a concienciación social visualizando a posición de asimetría e discriminación das mulleres nas distintas sociedades, xerme da violencia machista.

Trátase dunha exposición de poesía visual na que o obxecto fala por si mesmo precisando apenas un texto explicativo.

A boneca Barbie elixida para o proxecto é a mais famosa da historia, criticada por representar estereotipos sexistas. Todas as bonecas interviñéronse para amosar situacións de desigualdade, violencia e discriminación e recalcar a importancia do xogo na educación e a formación de nenas e nenos así como a transmisión de valores.

As bonecas expostas transmiten valores sexistas que se reproducen nos xogos, dirixindo en gran medida as condutas das nenas e dos nenos.

Mostralas intervidas como mulleres obxecto e representando a realidade da desigualdade das mulleres na sociedade entendemos que resulta didáctico, esclarecedor e reivindicativo.

A exposición que está formada por 18 pezas-instalacións e 9 paneis fotográficos nos que se recollen todas as intervencións, poderá visitarse ata o 15 de outubro.

Das bonecas intervidas, creación e textos: Isabel Blanco

Da dirección artística, instalacións e cartaz: Irene Silva Xiráldez

Da fotografía: Noemi Chantada (Islandia Producciones)

Do audiovisual: La Resistance Comunicación e Innovación, S.L.

Comentar noticia

Your email address will not be published.