A fachada da Deputación de Pontevedra escenario para clamar contra as violencias machistas cos nomes das mil mulleres asasinadas

Carmela Silva destacou que “estes nomes deben estar aí, sempre na memoria, falando alto e claro contra un sistema machista que asasina ás mulleres polo mero feito de selo”
Publicado por o día 18/06/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

A fachada da Deputación de Pontevedra escenario para clamar contra as violencias machistas cos nomes das mil mulleres asasinadas

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a escritora Ledicia Costas, xunto a deputadas e deputados provinciais, encabezou esta mañá a concentración “1000 nomes contra o machismo” no que se escoitou os nomes das 1.000 mulleres asasinadas dende 2003 por mor da violencia machista e se reivindicou a necesidade de poñer fin a esta lacra social. No acto, no que Ledicia Costas leu un poema creado expresamente para a concentración, a presidenta estivo acompañada ademais da alcaldesa de Cambados e dos alcaldes de Ponte Caldelas, Vilaboa, Pazos de Borbén, A Illa de Arousa e Cuntis, así como concelleiras e concelleiros de Pontevedra, Vigo, Cerdedo-Cotobade, O Grove, Moraña, Poio, Forcarei, Barro, Caldas e Cangas, e funcionarias e funcionarios da Deputación provincial.

Silva asegurou que “hoxe non vou falar, hoxe falan estes nomes que están escoitando: os nomes de 1.000 mulleres asasinadas polo simple feito de ser mulleres, para que non se silencien, para que non queden no esquecemento, para que non pareza que isto é algo pasaxeiro”. A presidenta destacou que “estes nomes están aí e sempre, na memoria, falando alto claro contra as violencias machistas e contra un sistema machista que asasina ás mulleres polo mero feito de ser mulleres”. Tamén tivo palabras a presidenta para Ledicia Costas, “quen falou no nome de todas as mulleres, das que estamos aquí e de todas as que estamos comprometidas con construír outro mundo”.

De feito a escritora incidiu no motivo da concentración convocada pola Deputación de Pontevedra, destacando que “estamos aquí para denunciar o machismo asasino, para tomar conciencia de que cada vez que alguén nega a existencia desta barbarie, ou cada vez que alguén cuestiona o feminismo, está lexitimando os maltratadores”. Neste eido, Costas fixo fincapé “no lamentable espectáculo daqueles partidos políticos que negan a existencia da violencia machista para conseguir votos do xeito máis miserable; partidos que cuestionan os minutos de silencio polas mulleres asasinadas e se retiran das pancartas institucionais que denuncian esta lacra”. Por elo a escritora reivindicou a necesidade “do apoio completo dos gobernos” e dunha revolución feminista antes de rematar coa lectura dun poema creado para a concentración.