A factura da luz do usuario medio en febreiro, un 1,2% máis baixa que hai doce meses

O recibo redúcese un 5,5% con respecto ao mes anterior. En 2018, os usuarios sufriron tres das cinco facturas eléctricas máis caras da historia.
Publicado por o día 04/03/2019 na sección de FACUA,Social

A factura da luz do usuario medio en febreiro, un 1,2% máis baixa que hai doce meses
O recibo redúcese un 5,5% con respecto ao mes anterior. En 2018, os usuarios sufriron tres das cinco facturas eléctricas máis caras da historia.
 
A factura da luz do usuario medio baixou un 5,5% en febreiro con respecto ao mes anterior, segundo a análise de FACUA-Consumidores en Acción. Situouse en 75,37 euros, fronte aos 79,79 euros de xaneiro. En canto á evolución interanual, o recibo coas tarifas semirreguladas (PVPC) foi un 1,2% máis baixo que en febreiro de 2018, cando o seu importe estivo en 76,32 euros.
 
A tarifa media do quilowatt hora (kWh) de electricidade foi este mes un 1,7% máis baixa que en febreiro de 2018. Así, os usuarios con PVPC pagarán unha media de 15,35 céntimos (12,07 máis o 27,19% de impostos) por cada kWh consumido entre o 1 e o 28 de febreiro, fronte aos 15,61 céntimos (12,27 máis impostos) de hai doce meses.
 
En 2018, os usuarios sufriron tres das cinco facturas da luz máis caras da historia. As análises de FACUA poñen de manifesto que o recibo máis elevado a nivel histórico foi o do primeiro trimestre de 2012, cando se situou en 88,66 euros para o usuario medio (tras a corrección da tarifa fixada polo Goberno por unha sentenza do Tribunal Supremo). Tras ela, os 87,81 euros de xaneiro de 2017 e os 83,55 euros de setembro de 2018. A cuarta factura máis elevada representou 81,18 euros, correspondente ás tarifas de xullo de 2015 e a quinta 80,73 euros, de agosto de 2018.
 
FACUA lamenta lamenta que o Goberno non emprendese medidas de alcance para abaratar o recibo e frear a especulación do oligopolio enerxético. As escasas actuacións do Executivo de Pedro Sánchez non produciron unha baixada significativa nun infladísimo recibo ao que centos de miles de familias nin sequera poden facer fronte, denuncia a asociación.
 

As reivindicacións de FACUA

 
FACUA trasladou o pasado mes de setembro ao Goberno un documento coas súas reivindicacións para reducir a factura eléctrica das familias españolas. A baixada do IVE da electricidade é unha das demandas da asociación. Baixalo ao 4% aforraría ao usuario medio 130 euros o ano pasado. Antes de impostos, este usuario pagou 728,15 euros. O IVE do 21% vixente na actualidade e o imposto sobre a electricidade suman un 27,19% de incremento na factura, situándoa en 926,16 euros en 2018. Co IVE ao 4%, a suma dos impostos indirectos representaría o 9,32%, co que a contía baixaría a 796,01 euros.
 
A principal medida proposta por FACUA é a creación dunha tarifa regulada para todas as familias que non superen os 10 kW de potencia contratada e determinados límites de consumo. A análise realizada polo equipo xurídico da asociación pon de manifesto que co debido desenvolvemento normativo, esta fórmula non implicaría contradicións coa lexislación comunitaria. Os desproporcionados prezos da luz, a ausencia de competencia no sector e a situación económica das familias españolas xustifican o establecemento dunha tarifa fixada polo Goberno para protexer aos consumidores.
 
A asociación advirte de que o bono social do Goberno de Rajoy foi un fracaso aínda maior que o que se aprobou durante a etapa socialista de Zapatero. Neste sentido, os leves cambios inroducidos polo Executivo de Pedro Sánchez seguiron sen garantir descontos significativos e mantén uns niveis de renda excesivamente baixos para acceder a el -salvo ás familias numerosas, que poden beneficiarse todas-.

Comentar noticia

Your email address will not be published.