A ‘Facultade da compostaxe’ inicia o seu terceiro curso de mestras e mestres composteiros

A presidenta Carmela Silva e o vicepresidente da Deputación César Mosquera, acompañados do reitor da UVigo Salustiano Mato darán mañá a benvida oficial aos estudantes que superaron as probas de acceso
Publicado por o día 02/04/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

A ‘Facultade da compostaxe’ inicia o seu terceiro curso de mestras e mestres composteiros

A ‘Facultade da compostaxe’ comeza esta semana o seu terceiro curso de mestras e mestres composteiros da man Universidade de Vigo. Mañá pola tarde realizarase o acto público de inicio de curso e benvida ao alumnado que superou as probas de acceso nas instalacións de Príncipe Felipe ás 17 horas coa presencia da presidenta da Deputación Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera, e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato.

Hai que lembrar que foron 30 as persoas que superaron con éxito un exame tipo test de 100 preguntas sobre xestión de residuos, normativa, e compostaxe, así como tamén a entrevista persoal por parte dun tribunal seleccionador. Estas 30 persoas realizarán durante seis semanas un curso de formación para converterse en persoal especializado na área de xestión dos residuos orgánicos de orixe doméstica na provincia: mestras e mestres composteiros que traballarán como plantel en prácticas ao abeiro do Plan Revitaliza.

Das 30 persoas que realizarán a formación do curso, doce delas son licenciadas ou teñen o grao en Bioloxía (40%), outras cinco son tituladas en Ciencias Ambientais (16,66%), catro son técnicas superiores (13,33%), outras dúas teñen unha enxeñería, dúas teñen titulación en Química, outras dúas teñen un ciclo superior, outra o Bacharelato e outra, a titulación de Comunicación Audiovisual. En canto a idade, a media está en 31 anos e medio, sendo a persoa aspirante máis nova de 23 anos e a máis experimentada de 45. Por último, o alumnado está formado por 16 homes e 14 mulleres, co que existe case paridade total.