A Facultade de Química acada a certificación da implantación do sistema de garantía de calidade (SGC)

O decano subliña que é “a confirmación do compromiso do centro e os seus integrantes”
Publicado por o día 31/10/2018 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

A Facultade de Química acada a certificación da implantación do sistema de garantía de calidade (SGC)

A Facultade de Química vén de sumarse á lista de centros da Universidade de Vigo que contan coa certificación da implantación do sistema de garantía de calidade (SGC). Con esta acreditación culmina un proceso de varios anos, que comezou en 2010, cando a ACSUG certificou o deseño deste sistema. Dende entón, explica o decano, Ignacio Pérez Juste, “as actividades da facultade desenvólvense de acordo co establecido no SGC, o que permite asegurar que a docencia impartida, a cualificación do profesorado, os medios humanos e materiais dispoñibles ou a transparencia na información pública compren os estándares de calidade que establecen as axencias para a calidade universitaria galega e española, ACSUG e ANECA”. Como reflexo do cumprimento destes estándares, o decano destaca que nos cursos 2015/2016 e 2016/2017 renovouse a acreditación para impartir o Máster en Ciencia e Tecnoloxía para a Conservación de Produtos da Pesca e o Grao en Química, que son os títulos adscritos a esta facultade. Polo tanto, a certificación da implantación do SGC “é a confirmación do compromiso da Facultade de Química e todos os seus integrantes coa calidade dos estudos que nela se imparten”, remarca. Neste sentido, dende a Área de Calidade subliñan que “é un recoñecemento ao traballo ben feito no que atinxe aos procesos de calidade no eido académico: a captación e a admisión dos estudantes, o desenvolvemento da docencia, as prácticas externas ou a mobilidade, e tamén á implicación e ao compromiso do equipo decanal. Ademais, estes procesos xeran dinámicas de mellora no funcionamento do centro e aumentan a súa transparencia e confianza”.

Nesta convocatoria, correspondente ao curso 2017/18, explica José Miguel Dorribo, técnico Superior de Calidade, só participou esta facultade da Universidade de Vigo e, coa súa valoración positiva, son xa 12 as facultades e escolas que acadan esta certificación, o que convirte á Universidade de Vigo na que máis centros ten certificados no SUG e unha das que máis no sistema universitario español. No mes de novembro está previsto que a ACSUG lance a convocatoria do curso 2018/19, na que se agarda que participen un par de centros da UVigo.

Un proceso complexo

O decano, Ignacio Pérez Juste, explica que o proceso de implantación do SGC require dun labor continuado de organización e recollida de información que permite analizar o funcionamento do centro e o desenvolvemento da docencia, detectar e solucionar as incidencias que se vaian producindo, analizar periodicamente os resultados obtidos e propoñer ano a ano accións para a mellora continua. “Este é un proceso que se vén optimizando dende 2010 e se culminou o curso pasado coa visita da comisión avaliadora externa para comprobar ‘in situ’ o efectivo cumprimento do establecido no SGC”, tanto a través da revisión exhaustiva da información pública e documental como a través das xuntanzas que mantiveron coa Comisión de Garantía de Calidade do centro, na que están representados o profesorado, o alumnado e o persoal de administración e servizos, co equipo decanal e co apoio da Área de Calidade. Tras esta revisión, a comisión valorou positivamente a finais do curso pasado a implantación do SGC, o que foi certificado posteriormente pola ACSUG.

A por unha acreditación internacional

Tras a certificación da implantación do SGC, e tendo renovada a acreditación dos títulos, a Facultade de Química está, como explica o decano, “en disposición de obter a acreditación institucional que proporciona a ACSUG, que foi solicitada a comezos do actual curso”. Por outra banda, e xa a medio prazo, engade Pérez Juste, “temos a intención de solicitar para o grao en Química a certificación internacional Chemistry Eurobachelor Label que concede a European Chemistry Thematic Network Association (ECTN), unha asociación europea na que participan universidades e empresas do sector químico e que permitirá asegurar que os estudos conducentes á obtención do Grao en Química da Universidade de Vigo se axustan aos máis altos estándares europeos”. Todo isto é froito, remarca do decano, “do traballo ben feito por todos aqueles que integran a facultade  e a demostración do compromiso deste centro cunha docencia de calidade, sempre co obxectivo de que os estudantes reciban a mellor formación posible e estean ben preparados para incorporarse ao mundo laboral”, conclúe.