A falta crónica de persoal no hospital vigués Povisa impide afrontar con garantías a problemática da covid

As centrais sindicais reclaman ratios sanitario/paciente similares ás dos centros do Sergas

As centrais sindicais levan anos alertando da preocupante falta de persoal no hospital vigués Povisa, problemática que a pandemia da covid non fixo máis que acentuar, impedindo afrontar con garantías a actual crise sanitaria. Ademais, a falta de EPI axeitados e de medidas de seguridade no centro médico está a comprometer a saúde das traballadoras/es, até o punto de que na actualidade xa hai 13 empregadas/os que deron positivo, mentres que outras/os 12 están á espera dos resultados.

Así o denunciaron hoxe en rolda de prensa as integrantes do comité de empresa e secretarias das seccións sindicais da CIG e da coalición SGPS/CGT, Chus Neira e Ruth Vallejo, ao tempo que anunciaron que xa lle trasladaron esta problemática á Inspección de Traballo “porque o persoal está extenuado e xa non pode máis, xa que ao habitual estrés laboral por sobrecarga de traballo súmase agora a ansiedade e o medo a contaxiarte”.

Porque, segundo explican, as traballadoras/es teñen que rotar por todas as plantas, incluída a zona onde están os pacientes covid, aumentando o risco de infección. “Por iso reclamamos persoal fixo en cada planta, e que a zona covid esta atendida sempre polas mesmas persoas, pero para iso teñen que facer novas contratacións”.

Mais Povisa non só non está a contratar persoal, senón que está a cederlle traballadoras/es ao Sergas para atender as residencias de maiores e a trasladar outros/as a centros médicos de Lugo ou Torrejón de Ardoz que son propiedade de Ribera Salud, a empresa que hai case un ano mercou Povisa.

Consideran imprescindíbel reforzar o servizo de urxencias, a zona covid e as plantas, “porque os pacientes teñen dereito a que as ratios sexa iguais ás do resto de centros do Sergas”. Neste senso, lembran que Povisa é un centro privado pero ten un concerto público co Sergas polo que recibiu preto de 1000 millóns de euros en 10 anos.

A pesar disto, as ratios de persoal/paciente no centro médico vigués son moito máis elevadas. Como exemplo puxeron os 13/14 pacientes que ten que atender unha enfermeira/o (chegando a 20 durante as noites), mentres que no hospital Álvaro Cunqueiro a cifra baixa até os 8,5 durante a semana e os 12 nas fins de semana. “Isto significa que na práctica existen pacientes de primeira e pacientes de segunda, e se temos en conta os recortes que pretende aplicar a dirección de Ribera Salud -a empresa que hai un ano mercou Povisa- teremos até pacientes de terceira”.

Outra das solucións que propoñen para rematar con esta situación é outra vella demanda: que o persoal ao que se lle recortou a xornada laboral (de 40 a 35 horas semanais) volva traballar a xornada completa. “Xa que esta situación está a provocar moitos problemas, porque hai servizos que quedan descubertos”. Entenden que nun centro médico non pode haber reducións de xornada, “tendo en conta que a atención ao paciente é 24 horas”.

Saturación de urxencias

Segundo explican, un dos servizos que máis saturados se atopa é o de urxencias, onde unha enfermeira/o e unha Tecae teñen que atender a máis de catro pacientes. Ademais, hai unicamente nove boxes, polo que en ocasións os pacientes covid teñen que agardar nos corredores. “As policlínicas, sobre todo a de Gran Vía, tamén están ao límite, coas salas de consultas ateigadas, sendo imposíbel manter a distancia de seguridade”.

En canto á falta de EPI axeitados, sosteñen que o persoal é obrigado a realizar as probas PCR con máscaras cirúrxicas, “cando o normal é que se fagan con FPP2; nas habitacións igual, entramos e saímos contaxiadas/os”. De feito, fixeron público a existencia dun gromo entre o persoal de Povisa que afecta xa a 13 traballadoras/es, mentres que outras/os 12 están á espera dos resultados. “Os contaxios foron maioritariamente por contacto con pacientes”, aseguran.

Precisamente para abordar todas estas cuestións solicitaron xuntanzas coa Xerencia do Sergas, coa Consellaría de Sanidade e coa dirección de Enfermaría de Povisa, “pero aínda non se concretou nada”. Dende o centro médico vigués comunicáronlle que trasladarían a petición a recursos humanos, “mais xa pasaron 15 días e seguimos igual”.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario