A familia de Álvaro Cunqueiro doa un retrato do escritor ao Hospital

Esta doazón é unha mostra de gratitude ao feito de denominar así ao novo hospital público de Vigo, e a todos os profesionais que traballan no centro e que trataron ao escritor durante a súa enfermidade
Publicado por o día 28/12/2018 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

A familia de Álvaro Cunqueiro doa un retrato do escritor ao Hospital

A familia de Álvaro Cunqueiro realizou a doazón dun retrato do escritor ao Hospital vigués que leva o seu nome. Así, o seu fillo César, acompañado doutros membros da familia, fixeron hoxe a entrega da obra ao xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial.

Trátase dun óleo sobre lenzo, de 0.84 x 1,10 cm., firmado na década dos cincuenta polo artista valenciano Néstor Casani e que estaba no domicilio familiar.

A entrega do cadro realizouse nun acto sinxelo e entrañable, no que tamén estiveron presentes dous facultativos xubilados, o que fóra xefe do servizo de Nefroloxía Luís González e José Sobrado, ambos moi unidos ao escritor e que o atenderon no seu proceso de enfermidade.

No transcurso da entrega, Cesar Cunqueiro explicou que “con esta doazón queremos expresar a nosa gratitude polo feito de que o novo hospital publico de Vigo leve o nome do noso pai; así como agradecer tamén o labor dos profesionais sanitarios que lle atenderon no último proceso da súa enfermidade, especialmente ao servizo de Nefroloxía e Diálise”. Ademais, quixo lembrar a especial vinculación do seu pai coa profesión sanitaria e dixo que “era fillo de boticario e mentres residiu en Vigo rodeouse de bos amigos médicos.

Escribiu un libro: “Tertulias de boticas prodigiosas y escuela de curanderos” onde fixo unha boa descrición do carácter galego e colaborou con varias revistas de medicina. Era paciente do Hospital Xeral, onde faleceu, e sempre fixo loanza do trato que alí recibira”.

Pola súa banda, Félix Rubial subliñou que “este regalo de Reis é moi especial para nós, está dotado dun gran significado, xa que chega nun momento no que o Hospital xa está consolidado e estamos preparados para recibilo como se merece, con gran orgullo de traballar nun centro como este, portador do nome dun dos principais escritores galegos do século XX e un dos persoeiros que máis contribuíu a mellorar e revitalizar á cidade de Vigo como centro de desenvolvemento cultural e social”-.

Segundo comentou Cesar Cunqueiro, “ao meu pai este retrato gustáballe especialmente xa que se vía moi recoñecido no mesmo”. O xerente corroborou esta afirmación e dixo “ademais do físico, a obra transmite a alma de Cunqueiro, a grandeza do seu espírito, a súa bonhomía…Que estas virtudes impregnen o noso traballo á hora de tratar e coidar dos
nosos pacientes”-.

Mil primaveras para o hospital

O pleno do Concello de Vigo aprobou o 30 de xaneiro de 2012 instar á Xunta de Galicia a denominar ao hospital có nome do escritor, e o Parlamento de Galicia aprobouno en febreiro dese mesmo ano.

Entre os argumentos expostos subliñábase que “o nome do hospital ten que propiciar a súa proxección social no contorno inmediato da súa poboación de referencia; ao tempo ten que contribuír a súa proxección exterior, mesmo internacional; a potenciar o seu coñecemento e a incrementar o prestixio do traballo nel desenvolvido polos profesionais da atención sanitaria especializada e da investigación medica”.

Nesta mesma liña expresouse Félix Rubial, quen terminou dicindo -“O nome deste hospital é garantía de que perdurará sempre porque a obra de Álvaro Cunqueiro é atemporal e ligada ao coñecemento, á cultura e á excelencia. Mil primaveras para o novo hospital público de Vigo.”-concluíu Félix Rubial