A Federación de Peñas Celtistas e Federación de Peñas Osasunistas esíxenlle á Liga que modifique o horario do Celta – Osasuna previsto para a véspera de Reis ás 21h

As agrupacións de afeccionados consideran que o horario é inapropiado para unha xornada tan especial e na que a maioría das persoas fan plans familiares.
Publicado por o día 15/11/2019 na sección de 1ª división,Celta,Deportes,Fútbol,Social

A Federación de Peñas Celtistas e Federación de Peñas Osasunistas esíxenlle á Liga que modifique o horario do Celta – Osasuna previsto para a véspera de Reis ás 21h

A federación de Peñas Celistas e Federación de Peñas Osasunista esixenlle á Liga de Fútbol Profesional que modifique o horario do encontro entre o Celta e o Osasuna que, segundo a patronal do fútbol, se deberá xogar o 5 de xaneiro de 2020 ás 21h, ou o que é o mesmo, na véspera do día dos Reis Magos.

Dende as agrupacións de afeccionados recórdaselle á Liga que esa xornada ten un compoñentefamiliar moi especial para a meirande parte dos seguidores do fútbol,que mesmo adoitan aproveitar para levar os máis pequenos da casa aos estadios. Así, as Federacións sinalan que o horario das 21h non só lle pon trabas a que os nenos poidan acudir a Balaídos, senón que ademais suporá tamén problemas para adultos, nunha noite tan sinalada e tradicional como é a de Reis.

Ademais, tamén fai fincapé en que esta medida prexudica tamén os intereses dos afeccionados do Club Atlético Osasuna que, aproveitando os días de vacacións que se dan na véspera de Reis e no día 6 de xaneira poderían ter previsto o seu desprazamento á cidade viguesa, o cal prexudica ademais o sector turístico e comercial de Vigo.

Os afeccionados do Celta e Osasuna consideran que o horario estipulado pola Liga é unha auténtica falta de respecto, que se une a outras ocasións nas que a entidade que preside Javier Tebas ten posto os intereses económicos a curto prazo por diante dos seguidores. Deste xeito, subliñan que accións como tentar xogar partidos ligueiros nos Estados Unidos ou levar a Supercopa a Arabia Saudi – como vén de decidir a Real Federación Española de Fútbol – non fai máis que afondar na profunda falta de consideración destas entidades polos afeccionados, que son os verdadeiros protagonistas do fútbol. Ao respecto, tamén critican que os restantes partidos do día 5 de xaneiro se van iniciar antes das catro da tarde, quedando totalmente descolgado o Celta – Osasuna.

Por todo isto, a Federación de Peñas Celtistas e Federación de Peñas Osasunistas urxen á Liga que dea marcha atrás e modifique o horario para a xornada poida ser o que debe: UN DÍA DE ILUSIÓN E LEDICIA PARA NENOS E FAMILIAS.

Comentar noticia

Your email address will not be published.