A Feira de Artesanía de Ponte Caldelas, unha auténtica mostra da creatividade e os oficios tradicionais galegos

Publicado por o día 05/11/2018 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

A Feira de Artesanía de Ponte Caldelas, unha auténtica mostra da creatividade e os oficios tradicionais galegos

Ponte Caldelas volveu acoller hoxe, coa III Feira de Artesanía, unha auténtica escolma non só do traballo dos artesáns, senón dos últimos profesionais de oficios tradicionais, como a elaboración de zocos e tamancas, reparación de cadeiras de montar, moscas de pesca e obxectos de vidro (tanto soprado como tallado).

A feira contou coa participación de 35 artesáns chegados de toda Galicia foi inaugurada polo alcalde, Andrés Díaz, en representación de todo o Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG). Durante a visita tivo ocasión de achegarse a todos os artesáns e departiu especialmente con Marta, a pontevedresa responsable de Artesanía Martita. Esta rapaza, que padece ataxia, unha enfermidade rara que limita a súa mobilidade, elabora pezas de bisutería e é unha das poucas artesáns con discapacidade que se despraza polas feiras galegas. A recadación utilízaa para sufragar os tratamentos que precisa.

Nos postos hai un pouco de todo. A gastronomía está representada pola cervexa Meiga e os produtos do Bierzo que trae Ekoeventos (allo negro, queixo de rosca e torta de vaca curada baixo terra). Os asistentes achegáronse especialmente ao posto de Marta Bueno, unha guarnicioneira de Rebordelo (Ponte Caldelas) que é unha das poucas que repara cadeiras de montar e mesmo restaura calesas, unha auténtica especialista no mundo do cabalo. Tamén aprenderon conceptos de elaboración de moscas de pesca con Rafael de la Iglesia e coñeceron as zocas feitas a man por “Tango”, de Mondariz, e Zapatería Tamanca, de Salceda.

O sector do vidro foi outro dos reclamos, así como toda a artesanía que xira ao redor da bisutería, o ganchillo e a calceta. Sen esquecer a cerámica con motivos de arte rupestre que trouxo o obradoiro Sibeiro, de Soutomaior.

A experiencia completouse coa música dos grupos As Sete Faixas e Os Xeitosos da Insua, así como cun posto de bebidas e empanadas para recuperar forzas.