A Feira Franca celebrarase sen desfiles e sen mesas particulares na rúa

Nesta edición non se celebrarán nin o espectáculo do venres nin o desfile do sábado para evitar aglomeracións e redeseñarase a decoración para facilitar o distanciamento social

A concelleira de Festas, Carme da Silva, confirmou esta mañá que o sábado 5 de setembro se celebrará unha nova edición da Feira Franca. Este ano, como vén ocorrendo con toda a programación festiva organizada polo Cocnello, esta cita tamén se adaptará á situación sanitaria e ás medidas que a autoridade sanitaria teña vixentes nese momento. Así, este ano a Feira Franca contará cun cartel específico e o Concello volverá decorar o ámbito de celebración da Feria como todos os anos, se ben redeseñará algúns elementos, como por exemplo algunha das portas da muralla, para facilitar o distanciamento social. Tamén haberá pasarrúas polo centro histórico, se ben se eliminarán o espectáculo do venres e o desfile do sábado. “É imposible facelos mantendo as normas de seguridade precisas porque aínda que se afore o espazo chama a moitísima xente e non podemos garantir que non haxa aglomeración de persoas” asegurou a concelleira.

Tamén anunciou que “non haberá mesas de particulares, cousa que xa íamos intuíndo pero coas normas que acaban de saír publicadas no DOG onde non pode haber mesas de máis de 10 persoas e onde se aconsella tamén a relación dentro do ámbito habitual de convivencia, fai imposible que todas as mesas de particulares que se poñían por todo o centro histórico e pola Alameda se podan facer garantindo a seguridade”. En canto ás mesas dos establecementos de hostalería, indicou que deben cumprir “coa normativa que en cada momento se estableza en función da crise sanitaria, neste momento son mesas máximo de 10 persoas, e cos horarios establecidos pola autoridade sanitaria”.

“Tal e como está a situación, e naquelas cuestións que non dependen de nós, hai que acollerse á normativa sanitaria que en cada momento estea vixente” afirmou.

Festas da Peregrina con alta participación

Carme da Silva tamén aproveitou o remate da semana das Festas da Peregrina para facer un balance positivo do seu desenvolvemento asegurando que “as actividades se desenvolveron con boa participación e cumprindo as medidas de seguridade necesarias”. A concelleira explicou que tan só se suspenderon tres actividades na tarde de onte por mor da chuvia, dúas actuacións infantís e o concerto de The Lakazáns nas pistas de Campolongo, e que ao longo de todas as festas tan só se activou en dúas ocasións o protocolo de seguridade para evitar aglomeracións, no concerto de De Vacas nas pistas de Campolongo e no de Baiuca na praza do Concello.

Lembrou, ademais, que a programación de verán continúa ata o domingo 23 co ciclo ‘Virar coa gaita’, que traerá á praza da Ferraría un concerto diario ás 22h desde mañá ata o sábado, e co ciclo ‘Urbana Pontevedra’ que se desenvolverá entre o xoves e o sábado no mirador de Monte Porreiro. O domingo, a programación rematará coa Festa do Demo, que comezará ás 12:30h nos arcos de San Bartolomeu, aínda que nesta edición tanto o demo como a súa comitiva evitarán toda a interacción co público. A cita rematará cunha foliada na praza da Ferraría ás 22h.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario