A Feira Internacional Virtual de Emprego Finde.U supera este ano os 120 expositores

Hai ofertas procedentes de toda Europa, sobre todo do ámbito tecnolóxico e sanitario
Publicado por o día 10/04/2018 na sección de Emprego,Universidade de Vigo

A Feira Internacional Virtual de Emprego Finde.U supera este ano os 120 expositores

Xa se inscribiron 1200 demandantes de emprego e a previsión é acadar os 3500 da anterior edición. Do 16 ao 18 de abril celébrase a terceira edición da Feira Internacional Virtual de Emprego Finde.U, unha cita pola que xa pasaron máis de 11000 visitantes e 450 empresas e na que este ano participarán máis de 120 expositores, 30 máis ca en 2017: 90 empresas con necesidades de contratación de persoal, 17 servizos/puntos de información relacionados con emprego e mobilidade e 12 xestionadas a través dos diferentes países participantes no ámbito da rede Eures. Organizan as universidades de Vigo, Porto, UTAD (Trás-os-Montes e Alto Douro) e a Universidade Católica Portuguesa – Oporto, en cooperación con IEFP / EURES Portugal e EURES Transfronterizo Galicia-Norte de Portugal e será a primeira gran cita da Finde.U no 2018, que se completará cos eventos presenciais que terán lugar no mes de outubro: en Porto, os días 16 e 17, e en Vigo, o 23 e 24 .

“Estas 1200 persoas que xa se inscribiron na feira son demandantes de emprego con titulación universitaria que xa coñecen a rede Eures, sobre todo portugueses e españois, pero tamén de países como Reino Unido e Francia”, subliña Alejandro Martínez, director da Área de Emprego e Emprendemento, ao tempo que explica que a feira permítelle a aquelas persoas egresadas que estean a buscar un emprego, presentar a súa candidatura a ofertas de emprego/prácticas/oportunidades de investigación, coñecer empresas e/ou expertos no mercado laboral dalgúns países europeos e mesmo ser convidado ou convidada a entrevistas de traballo. A maiores as persoas participantes, tamén terán á súa disposición un programa cunha ampla oferta de talleres e sesións informativas sobre competencias transversais e desenvolvemento persoal, emprendemento, empregabilidade a nivel europeo, así como presentacións de empresas e institucións sobre as súas necesidades de contratación de persoal.

Publicadas xa preto de 300 ofertas que dan acceso a máis de 700 postos de traballo

A falta de varios días para o arranque oficial da feira as empresas comezaron xa a publicar as súas ofertas, de feito, hai publicadas preto de 300 que dan acceso a máis de 700 postos de traballo, se ben a maior parte iranse publicando ao longo desta semana. “O perfil máis demandado é o tecnolóxico e o sanitario, pero, en xeral, búscanse profesionais cualificados en practicamente todas as áreas, sobre todo nos países nórdicos”, explica o director da Área de Emprego e Emprendemento. A nivel internacional as ofertas chegan de países como Reino Unido, Bélxica, Alemaña ou Dinamarca. “Hai moita demanda de especialistas nas diferentes ramas do mundo da enxeñaría (mecatrónica, eléctrica, telecomunicacións…), pero tamén no da medicina, enfermaría e fisioterapia”, recalca Martínez.

Entre as empresas participantes hai numerosas consultoras, empresas relacionadas co sector TIC, turístico, sanitario, de alimentación… Entre as firmas españolas destacan nomes como Televés, con sede en Santiago de Compostela e máis de 800 persoas no seu cadro de persoal, e Vegalsa-Eroski, con máis de 200 puntos de venta, repartidos ao longo de Galicia, Asturias e Castela-León e 6000 persoas contratadas.

A inscrición manterase aberta durante os tres días que dura a feira

O prazo para inscribirse manterase aberto ata a propia finalización da feira. “A inscrición vai permanecer aberta ao longo dos tres días que dura a feira, aínda que é recomendable rexistrarse antes do evento”, explica o director da área. O único que se necesita para participar é: acceso a internet, uns auriculares con micrófono que poidan conectarse a un computador (de mesa ou portátil), tableta ou teléfono intelixente e, xa para as entrevistas, é tamén recomendable unha webcam e un IDE Skype.

Durante os días 16 e 17 emitiranse en streaming, coa posibilidade de intervir mediante chat, unha serie de píldoras divulgativas nas que se tratarán temas relacionados con competencias transversais, busca de emprego, mobilidade e emprendemento. Algunhas das empresas participantes disporán tamén de espazo neste programa virtual para explicar que perfís demandan e como deben facer as persoas interesadas para achegar as súas candidaturas.