A FEMP aproba o acordo con Facenda para impulsar medidas de recuperación de pobos e cidades tras a pandemia

O acordo prevé un ingreso de 5.000 millóns para os concellos que, con carácter voluntario, puxesen ao dispor do Estado os seus remanentes, que se devolverán na súa totalidade nun prazo de dez anos. Para Abel Caballero trátase dun acordo importante e moi positivo para as Entidades Locais, que abre posibilidades “á carta”: actuar polo sistema de remanentes, polo uso do superávit ou por ambos
Publicado por o día 03/08/2020 na sección de Concello de Vigo,España,Galicia,Vigo

A FEMP aproba o acordo con Facenda para impulsar medidas de recuperación de pobos e cidades tras a pandemia

A Xunta de Goberno da FEMP, reunida na mañá deste luns con carácter extraordinario, aprobou asinar co Goberno o acordo económico que permitirá impulsar desde os Gobernos Locais medidas para favorecer a recuperación de pobos e cidades tras a pandemia. O acordo, que o alcalde de Vigo e presidente da FEMP cualificou de “singular, importante e moi positivo para as Entidades Locais”, prevé que a Administración Xeral do Estado realice un ingreso non financeiro de 5.000 millóns de euros para as Entidades Locais aos que se sumará un máximo de 400 millóns para compensar o déficit dos servizos de transporte urbano, e a participación en fondos europeos que ascenden a 72.000 millóns.

O acordo contempla que as Entidades Locais que, con carácter voluntario, poñan ao dispor do Goberno os seus remanentes de tesourería irán percibindo de maneira proporcional aos remanentes que cedan un ingreso non financeiro durante 2020 e 2021. A partir de 2022, e nun prazo de dez anos, os Gobernos Locais terán recibido a totalidade dos remanentes cedidos e poderán utilizalos sen incorrer en déficit. Trátase, en palabras do presidente Caballero, da única forma de utilizar eses remanentes de tesourería, un uso que está limitado pola Lei de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira. “A cesión é a única maneira de utilizar os remanentes. Tras cedelos ao Estado, este devólvenolos libres de déficit e listos para gastar”.

Ademais, o acordo contempla tamén manter a utilización do superávit tal e como se veu facendo ata o de agora e, neste sentido, prevé utilizar o de 2019 para gastos de 2020. Prorrógase para 2020 a regra especial do destino do superávit de 2019 e tamén se prorroga o procedemento de execución de investimentos financeiramente sostibles iniciadas en 2019 con cargo ao superávit de 2018.

Abel Caballero subliñou que, neste sentido, o acordo abre a posibilidade de que os Gobernos Locais elixan “á carta”, podendo optar pola fórmula de cesión dos seus remanentes, pola tradicional do superávit ou por unha mestura de ambas, “é compatible, segundo o acordo, o uso de remanentes e superávit”.

O acordo prevé igualmente exención da regra de gasto en 2020 e tamén mecanismos de apoio a municipios con problemas de liquidez ou en risco financeiro. Para estes, en concreto, abre dúas posibilidades: unha a través das Deputacións Provinciais e Entidades equivalentes (mediante formalización de préstamos ou transferencias correntes) e outra que contempla o compromiso de revisar as condicións financeiras dos préstamos do Fondo de financiamento a estes Concellos.

A todo iso súmase o compromiso de avanzar no financiamento local ao mesmo tempo que no financiamento autonómico e avanzar tamén na modificación da LRSAL. No que respecta a avances e modificacións normativas, Caballero anunciou que este mesmo mes de setembro constituirase unha mesa de traballo técnico para negociar a reforma do financiamento local. Lembrou que outra mesa xa vén traballando para a adaptación da regra de gasto.

Tamén subliñou que a Federación seguirá traballando para avanzar en melloras dos Gobernos Locais que, á súa vez, representen melloras para a vida das persoas: “Este acordo é a eclosión das Entidades Locais. A pandemia puxo de relevo a importancia do local e nese contexto, este acordo é moi importante para as Entidades Locais, moi positivo. O municipalismo segue atento a 47 millóns de persoas que viven en todos os municipios”, concluíu.

Comentar noticia

Your email address will not be published.