A FEMP levará á Xunta de Goberno Extraordinaria a nova oferta de Facenda que engade unha achega de 5.000 millóns a fondo perdido para os gobernos locais

Explicou Abel Caballero que se celebrará o luns tras o estudo dos contidos da proposta, que tamén prevé a devolución en 10 anos do 100% dos remanentes entregados. O alcalde e presidente da FEMP fixo unha valoración positiva e destacou que a entrega dos remanentes é a única fórmula xurídica para “eludir unha lei nefasta de 2012 que non nos permite usar os nosos remanentes sen incorrer en déficit”
Publicado por o día 31/07/2020 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

A FEMP levará á Xunta de Goberno Extraordinaria a nova oferta de Facenda que engade unha achega de 5.000 millóns a fondo perdido para os gobernos locais

O alcalde de Vigo e presidente da FEMP, Abel Caballero, valorou positivamente a nova proposta do Ministerio de Facenda que engade unha achega de 5.000 millóns de euros a fondo perdido para os gobernos locais que entreguen os seus remanentes. Esta nova proposta contempla tamén a devolución en 10 anos do 100% dos remanentes entregados. Para Caballero, que a valora moi positivamente, representa “un cambio moi substancial a mellor, un esforzo moi importante polos Concellos” polo que mostra o seu recoñecemento ao Goberno de España.

Segundo resumiu Abel Caballero, “entrégase unha cantidade de remanentes, que se devolverían na súa totalidade en 10 anos e que poderían ser utilizados sen incorrer en déficit; e de forma inmediata recibiríanse eses 5.000 millóns a fondo perdido”. Iso supón que “achegamos unha cantidade e recibimos, polo menos, o 135% da cantidade que acheguemos”.

O alcalde insistiu en que a entrega dos remanentes “é a forma legal para poder utilizalos sen incorrer en déficit”. A única vía xuridicamente posible coa Lei de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira, “que nos prohibe usar os nosos remanentes sen incorrer en déficit”, é entregalos ao Goberno e “que este nos os devolva para poder usalos libres de déficit. Non se atopou outra solución xurídica”.

Caballero engadiu que coa entrega dos remanentes “non estamos a prestar nada ao Goberno de España. É a forma técnica de eludir unha lei nefasta para os Concellos”.

Adicionalmente, exponse que, dado que non hai teito de gasto en 2020, os interventores poderán incorporar remanentes ao gasto deste ano en tanto os concellos manteñan equilibrio orzamentario, explicou Caballero.

O resto do texto contempla, entre outras cuestións, segundo enumerou o presidente, “poder usar o superávit de 2019, suprímese a Regra de Gasto para 2019 , prorrógase o superávit de 2018, mantéñense as entregas a conta este ano e a liquidación de 2018 (que ascenden a 600 millóns favorables aos concellos), engádense 275 millóns para cubrir o déficit do transporte público, ampliables ata os 400 millóns e, ademais, fannos suxeitos de recibir fondos europeos e garántese que recibiremos fondos europeos”. Caballero anotou que “o Goberno, ademais, comprométese á reforma do financiamento local á vez que a autonómica, e establece a reforma das competencias municipais para frear o dano que nos fixo a LRSAL”.

A nova proposta será estudada e analizada ao longo da fin de semana e pasará á Xunta de Goberno Extraordinaria prevista para as 9 da mañá do próximo luns, tal e como acordou a Xunta de Portavoces celebrada este venres.

Comentar noticia

Your email address will not be published.