A Festa do Marisco de O Grove segue avanzando na reciclaxe e o compromiso co medio ambiente

Este ano poñerase en marcha por primeira vez o sistema de vasos reutilizables.
Publicado por o día 21/09/2018 na sección de Galicia,O Grove

A Festa do Marisco de O Grove segue avanzando na  reciclaxe e o compromiso co medio ambiente

Como xa se ven traballando dende hai tres anos, un dos compromisos fundamentais do Concello do Grove no relativo á Festa do Marisco e conseguir que esta xere a menor cantidade de residuos e o menor impacto medioambiental posible. Nesa liña de traballo nos últimos dous anos tense conseguido que a totalidade do menaxe empregado (pratos, bandexas e cubertos) sexa compostable, sendo así un evento pioneiro no coidado destes materiais. A estas iniciativas sumáronse a xestión das servilletas que reduciron ata a metade o consumo das mesmas e a eliminación de latas e envases substituíndose por vidro.

Deste xeito, o último paso era a substitución dos vasos de plástico, un elemento que xera habitualmente grandes cantidades de lixo, e, seguindo as recomendacións da Unión Europea, empregar outras fórmulas como a que se porá en práctica este ano: os vasos reutilizables. Deste xeito a partir deste ano os asistentes á festa deberán abonar 0,50 euros por un vaso de plástico ríxido reciclable, gravado co emblema da Festa, que poderán reutilizar cada vez que consuman bebidas. Trátase dunha medida xa implantada en grandes eventos en toda España e que implica unha notable redución do plástico que se vai consumir.

Dende o Concello prevese unha campaña de información ampla para que os visitantes da Festa coñezan con antelación a medida e agárdase que a mesma sexa apoiada e comprendida xa que incide no compromiso social necesario coa redución de plásticos, feito que ten especial importancia nunha Festa como a do Marisco, onde o produto fundamental é un dos máis afectados pola contaminación dos océanos. Trátase dunha aposta necesaria para mellorar e seguir conseguindo reducir o lixo que provoca un evento de tan grande tamaño como este.