A foto dunha viaxe en furgoneta por Dinamarca, a historia dunha experiencia Erasmus

Elixiuse, entre 1600 propostas, 33 imaxes que ilustrasen os 33 anos deste programa de mobilidade
Publicado por o día 07/02/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

A foto dunha viaxe en furgoneta por Dinamarca, a historia dunha experiencia Erasmus

Desde a súa creación en 1987, o programa de mobilidade Erasmus deu a oportunidade a máis de dez millóns de estudantes e profesores de adquirir unha experiencia no exterior, permitíndolles fortalecer as súas competencias, mellorar o seu nivel de linguas estranxeiras, aprender de outras culturas e adquirir unha mentalidade europea. Unha desas persoas é Cristina Quelle, actualmente coordinadora de Innovación e Transferencia no Centro de Investigación Mariña e titulada en Ciencias do Mar. Un recordo seu, en forma de foto, da súa estadía Erasmus en Dinamarca no curso 2003-2004, foi unha das imaxes gañadoras do concurso que a UE organizou para conmemorar os 10 millóns de estudantes que pasaron polo programa. No mes de decembro lanzaron a campaña na procura de fotos que transmitisen o impacto desta experiencia de intercambio. Entre as 1600 propostas recibidas de 70 países seleccionaron 33, tantas como anos leva funcionando o programa, unha delas a de Cristina Quelle lanzándose polas dunas de Raabjerg Mile xunto con tres amigas.

Unha foto para o recordo nun dos lugares máis emblemáticos de Dinamarca

Cristina Quelle enterouse do certame a través do Observatorio das Persoas Egresadas da Universidade, que se encargou de difundilo entre as e os ex-alumnos da institución e decidiuse a participar por morriña. “Recentemente compartíramos a foto entre as amigas e tíñaa de man, mandeina e curiosamente foi unha das seleccionadas. Fíxome ilusión, máis que nada polo que representa esa foto para nós as tres, que aínda somos moi amigas a día de hoxe”. Esa é unha das claves do que foi para ela esa experiencia de intercambio, as amizades forxadas hai máis de 15 anos que se manteñen a pesar do tempo e a distancia. A día de hoxe, mantén o contacto con moita da xente desa época, “temos un grupo en Facebook e a miúdo quedamos en diferentes sitios segundo viaxamos por traballo ou lecer, por exemplo, en Bruxelas, París ou Madrid”; tratan, como explica, de “facer o posible por verse”.

Quelle cursou Ciencias do Mar e o derradeiro curso, o quinto por aquela época, pasouno en Aarhus, a segunda cidade de Dinamarca en poboación. Explica que a foto a sacaron durante unha viaxe “inesquecible” que fixeron por estrada percorrendo o país  xunto cun grupo de compañeiros e amigos da residencia universitaria de Irlanda, Chipre, Grecia, Finlandia, España e Lituania… “Alugamos unha furgoneta entre todos e visitamos a península de Jutland” e lembra con morriña que “aquela viaxe daría para unha película, guitarra en man, moitas risas, moitas paraxes e unha mestura multicultural incrible”. A foto seleccionada fixérona nunha “parada obrigatoria”, unha das paraxes máis representativas e recoñecibles de Dinamarca, Raabjerg Mile, un complexo dunar en movemento dos máis grandes de Europa. Xunto con ela, na foto están a súa compañeira de Ciencias do Mar Isabel e Christina, unha amiga da residencia, de Chipre. “Despois do duro inverno, cando chegamos alí non puidemos evitar lanzarnos duna abaixo e gritar…seguramente conscientes de estar vivindo unha experiencia única”.

Experiencia enriquecedora no persoal e no profesional

Cristina Quelle tiña claro que quería realizar a súa estadía Erasmus nun lugar onde puidese aprender inglés. Dubidaba entre Dinamarca e Irlanda pero acabou decantándose polo país escandinavo porque “me parecía que o choque cultural ía ser máis significativo e apetecíame coñecer algo totalmente distinto a nivel cultural, paisaxístico, social… E así foi, os primeiros meses foron bastante duros, a xente era bastante pechada, había poucas horas de luz, as clases eran moitas en danés, os exames orais e en inglés… A partir de xaneiro xa nos afixemos á contorna e esprememos a experiencia ao máximo”.

Pero facendo balance desa etapa, considera que o ano que viviu en Aarhus foi, “sen lugar a dúbidas, o mellor ano da miña vida”. Recoñece que lle serviu para aprender outro idioma, coñecer unha cultura totalmente diferente, outros puntos de vista e “unha sociedade moi feminista, por certo”. Nos meses de intercambio viviu con xente de 15 países “polo que cada comida ou cena naquela residencia era como viaxar a un continente cada día, fixen amigos de moitos países, visitei e coñecín en profundidade a cultura escandinava, etc”. Pero ademais do punto de vista persoal, Quelle tamén destaca o importante que foi a experiencia Erasmus para a súa traxectoria laboral. “No meu primeiro traballo xa me pedían falar e redactar proxectos en inglés, e por outra banda, ter que desenvolverte nun país tan diferente durante todo un ano é unha aprendizaxe brutal a moitos niveles”. Por todo isto, recomenda sen dúbida vivir a experiencia Erasmus. “Teño dúas fillas e gustaríame que elas tamén puidesen vivir o que vivín eu”.