A Fundación Galicia Europa centra a súa actividade en abordar as iniciativas da UE como resposta á crise sanitaria da covid-19

Durante o confinamento reforzou a súa actividade informativa sobre a actuación da Unión Europea con dous apartados específicos na súa páxina web relacionados co coronavirus e o plan de recuperación económica para Europa
Publicado por o día 14/08/2020 na sección de Sanidad,Coronavirus,Economía

A Fundación Galicia Europa, no marco da súa actividade de defender os intereses dos galegos no espazo comunitario, está a facer un seguimento da actuación da Unión Europea para facer fronte á actual crise sanitaria da covid-19 e as súas consecuencias económicas pese á cancelación dos actos institucionais en Bruxelas debido á pandemia.

Co obxectivo de reforzar a información creou na súa páxina web http://www.fundaciongaliciaeuropa.eu/ unha nova sección sobre o coronavirus na que se inclúen contidos relacionados con catro ámbitos: a limitación da propagación do virus, garantir o subministro de equipos médicos, a promoción da investigación de tratamentos e vacinas e o apoio ao emprego, ás empresas e á economía.

Ademais, conta con outro apartado específico sobre o plan de recuperación económica para Europa aprobado o pasado 21 xullo e que contará con 750 mil millóns de euros, dos que España recibirá 140.000 millóns de euros, 67.300 deles en préstamos e os 72.700 restantes en transferencias.

Durante o confinamento, a FGE tamén reforzou a súa labor informativa sobre a actividade comunitaria coa difusión de 45 boletíns diarios para abordar as políticas comunitarias desde unha perspectiva galega e, en especial, na resposta á crise actual. Desde o pasado 4 de xuño a periodicidade destes boletíns pasou a ser semanal e publicáronse outros nove centrados nas medidas da UE para a saída da crise e a súa posterior recuperación.

Memoria de actividades de 2019

O orzamento comunitario, a transición ecolóxica e o Brexit foron as principais áreas de traballo da Fundación Galicia Europa en 2019. En canto á futura política rexional, Galicia vén demandando, a través da súa participación no Comité das Rexións, que ningunha rexión que descenda de categoría poida ver reducidas as súas asignacións respecto ao período actual.

A FGE realiza ademais un especial seguimento das negociacións para a saída de Reino Unido da UE e conta coa web http://brexitgalicia.eu/, desde a que pretende sensibilizar sobre as consecuencias do Brexit para os negocios e os cidadáns galegos afincados no país británico. Tamén contribuíu á preparación do Xacobeo 2021 coa reivindicación da dimensión europea do Camiño de Santiago.

Entre as actividades FGE o pasado ano destacan 15 visitas institucionais á capital comunitaria ou a intervención galega en 10 foros de debate a nivel europeo sobre temas como o cambio climático, a dixitalización das pemes ou as posibilidades de pesca. Ademais, máis de 400 participantes asistiron a un seminario sobre os fondos de cohesión, no marco da Semana Europea das Rexións e Cidades. Tamén se levaron a cabo dúas novas edicións do programa de especialización en financiamento comunitario TecEuropa, que, en vista da actual pandemia, organizará unha edición virtual a finais de ano.

Por outra banda, lanzouse a plataforma dixital #Euroxuventude, ao abeiro do que se realizaron distintos seminarios web nos que se trataron as diferentes oportunidades de emprego e prácticas na UE para a mocidade. Desde a FGE publicáronse mais de 200 novas sobre o espazo comunitario e difundíronse 31 convocatorias de proxectos europeos.