A Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago e o Concello de Riveira colaboran no estudo da biopsia líquida

A presidenta da a Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS), Eloína Núñez, e o alcalde de Riveira, Manuel Ruíz, reuníronse hoxe no municipio para asinar un convenio de colaboración a favor do estudo da biopsia líquida, unha nova e revolucionaria técnica de loita contra o cancro de gran utilidade en clínica nun breve período de tempo.
Publicado por o día 12/12/2018 na sección de Sanidad

A Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago e o Concello de Riveira colaboran no estudo da biopsia líquida

A través deste acordo o concello doa 3.000 euros ao Grupo de Oncoloxía Médica Traslacional (Oncomet) para a adquisición de material funxible necesario para o proxecto de investigación que permitirá ter un panel de probas para detectar mutacións importantes. A presidenta de FIDIS, Eloína Núñez, lembraba que “hai case dous anos Oncomet poñía en marcha unha exitosa campaña de micromecenazgo cuxo obxectivo era recadar financiamento para levar a cabo un proxecto de investigación oncolóxica centrado no estudo da biopsia líquida”.

Durante a campaña de comunicación, que durou tres meses e na que destacou a especial implicación da plataforma riveirense a favor do estudo desta nova técnica, recadáronse un total de 612.749 euros procedentes de máis de 11.000 doazóns de empresas e particulares. Actividades posteriores, como a doazón do despacho de billetes do Festival da Luz do pasado ano, doazóns particulares e o convenio asinado co Concello de Riveira, fixeron aumentar esa cifra a un total de 765.365 euros recadados na actualidade.

Actualmente, e grazas a eses fondos, adquiríronse xa dous equipos altamente sensibles á hora de detectar células tumorais circulantes e DNA tumoral circulante e contratáronse tres investigadores”, sinalaba o doutor Rafael López, director de Oncomet. “Ademais, recrutáronse xa preto de 150 de pacientes con cancro de pulmón, colon, cabeza e pescozo, páncreas e melanoma, entre outros, e acadáronse 50 mostras de individuos sans que serven de control nos estudos”, engadía.

Para o doutor López “o futuro da oncoloxía radica na personalización dos tratamentos, na medicina de precisión”. “Cada cancro é distinto en cada persoa e debemos tratar os tumores de forma diferenciada; de aí a importancia da biopsia líquida como técnica imprescindible para a oncoloxía de precisión”, sinala. A día de hoxe, e á espera de que se somen outros complexos hospitalarios, ademais do CHUS participan tamén no estudo sobre a biopsia líquida un total de cinco hospitais galegos: Lucus Augusti, Arquitecto Macide, CHUAC e Povisa.

Esperamos publicar os primeiros resultados do proxecto o próximo ano”, afirma Laura Muinelo, responsable da Unidade de Biopsia Líquida de Oncomet, que lembra unha vez máis “a importancia da implicación da cidadanía e institucións na investigación oncolóxica para poder avanzar na loita contra o cancro”.

Camiñando cara á oncoloxía de precisión: a biopsia líquida

A biopsia líquida permite obter información sobre os tumores sen dor, ao instante e sen efectos secundarios e coñecer como evoluciona un cancro en tempo real. Maior comodidade para o paciente, máis información útil para o clínico e un beneficio claro para o enfermo son algunhas as vantaxes que ofrece esta nova técnica que, desde a perspectiva clínica, axuda a orientar o tratamento oncolóxico, a monitorizar os seus resultados e a detectar precozmente a aparición de resistencias, entre outras aplicacións. A biopsia líquida é unha técnica en fase emerxente pero que xa está a revolucionar a forma de afrontar e monitorizar moitas enfermidades oncolóxicas abrindo novas perspectivas.

Sobre o IDIS

O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) é un centro de investigación traslacional, de innovación e transferencia de coñecemento que favorece as sinerxias entre a Área Sanitaria de Santiago de Compostela e a Universidade, ás que están vinculados 80 grupos e máis de 1.000 investigadores. Naceu en 2008 para poñer en valor o coñecemento aplicado e converteu a Galicia en referente internacional no campo da biomedicina. Foi o primeiro centro galego acreditado polo Instituto de Saúde Carlos III en 2010 e a súa captación de fondos para a investigación creceu preto dun 300% desde entón. Lidera proxectos de investigación europeos desde o ámbito das neurociencias e a pediatría.

Comentar noticia

Your email address will not be published.