A Fundación Moncho Reboiras e a CIG homenaxean o militante nacionalista asasinado pola policía franquista

Coa tradicional ofrenda floral no cemiterio de Imo, cando se cumpren 44 anos da súa morte
Publicado por o día 12/08/2019 na sección de CIG,Sindicatos

A Fundación Moncho Reboiras e a CIG homenaxean o militante nacionalista asasinado pola policía franquista

A Fundación Moncho Reboiras e a CIG honraron un ano máis a memoria do dirixente nacionalista asasinado pola policía franquista cunha ofrenda floral no cemiterio de Imo, Dodro, que acolle os seus restos. No acto que tivo lugar hoxe, data da súa morte, o presidente da Fundación, Suso Seixo, foi o encargado de depositar as flores na tumba de Reboiras, quen 44 anos despois da súa morte segue a ser exemplo de compromiso coa liberación nacional e social de Galiza.

Tanto a Fundación como a CIG homenaxean cada ano a Xosé Ramón ‘Moncho’ Reboiras Noia e lembran que alén da súa prolífica militancia nos diferentes campos do nacionalismo popular, destacou tamén nos primeiros xermes de organización obreira que deron lugar ao actual sindicalismo nacionalista.

A contribución de Moncho Reboiras aos primeiros pasos do sindicalismo nacionalista foi fundamental, xa que foi o encargado de coordinar a Fronte Obreira da UPG, que en pouco tempo daría lugar a que agromaran organizacións de base en varias cidades. Destes xermolos xurdiría o Sindicato Obreiro Galego no ano 1975, iniciando ese longo camiño do sindicalismo hoxe representado pola CIG.

Mais na madrugada do 12 de agosto de 1975 a represión franquista cruzouse no seu camiño, cando máis de 300 axentes dos corpos represivos da ditadura rodearon o edificio no que se atopaba Reboiras, na rúa da Terra en Ferrol, sendo asasinado a tiros ao pé do portal.

Comentar noticia

Your email address will not be published.