A Fundación pública Camilo José Cela conmemora os 30 anos da concesión do premio novel ao escritor galego

Mañá xoves, coincidindo co 17 aniversario do seu pasamento, terá lugar unha ofrenda floral no cemiterio de Santa María de Adina por parte das autoridades e do IES Blanco Amor de Ourense
Por o 16/01/2019 | Sección: Cultura
A Fundación pública Camilo José Cela conmemora os 30 anos da concesión do premio novel ao escritor galego

A Fundación Pública Galega Camilo José Cela conmemorará con diversos actos neste 2019 o 30 aniversario da concesión do premio Nobel ao escritor padronés. Como comezo desta programación mañá, o cemiterio de Santa María de Adina acollerá unha ofrenda floral, ás 11,30 horas, na que participarán a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, o alcalde do Concello de Padrón, Antonio Fernández Angueira, e o alumnado do IES Blanco Amor de Ourense que procederá á lectura dun texto do autor galego.

Colaboración coa Fundación Rosalía de Castro

Neste acto participará tamén Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, coa que a Fundación Pública chegou a un acordo de colaboración mediante o cal todos os visitantes da Casa-Museo da insigne escritora neste 2019 percibirán unha entrada gratuíta para visitar o Museo Camilo José Cela (sen incluír as visitas guiadas). Con esta colaboración preténdese estreitar lazos entre ambas institucións culturais, non só referentes na comarca, senón tamén como xestoras de Casas-Museo recoñecidas a nivel nacional e internacional.

Exposición

Para rematar este cabo de ano especial, o Museo Camilo José Cela acolle o venres 18, ás 19,00 horas, a inauguración da exposición Proxecto Libertas, organizada polo Centro PEN Galicia e o Instituto de Mediación Educativa de Ribeira (IMER) e coa colaboración da propia Fundación Pública, do Concello de Padrón, do IES Macías o Namorado tamén de Padrón e da propia Consellería de Cultura e Turismo.

Esta mostra que permanecerá aberta ata o vindeiro 2 de marzo pretende, a través da expresión artística, da obra e da palabra, reivindicar, en palabras de Olegario Sampedro – presidente do IMER– que os “valores democráticos son un imperativo ético que se constrúe, e de que a paz se conquista” e polo que nos tempos de hoxe débese traballar no recoñecemento da liberdade de opinión e expresión recollido no Artigo 19 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

No acto de inauguración participará o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, quen acompañará aos asistentes no acto poético musical que contará coa intervención do propio Olegario Sampedro, da poeta Paula Antía Rey Baliña, do guitarrista Antonio Barro e coa actuación do Grupo Municipal de Teatro de Ribeira.

Esta exposición irá acompañada de visitas guiadas polo presidente do IMER (os días 1 e 15 de febreiro e 1 de marzo, ás 17,00 horas) e por unha ampla proposta didáctica organizada polo Centro PEN Galicia e o IMER e que abordarán temáticas coma a represión nas artes, o machismo e o fomento da diversidade, dirixido a alumnos de ESO e Bacharelato e que terán lugar todos os venres de febreiro e o 1 de marzo polas mañás (máximo 30 alumnos, imprescindible reserva previa).

Comentar noticia

Your email address will not be published.