A galega Sonia Vidal escollida para formar parte do Comité Coordinador da Vía Campesina en Europa

A elección realizouse na Asemblea Xeral da Coordinadora Europea da Vía Campesina que se celebrou en Bruxelas na que participou en representación do Sindicato Labrego Galego
Por o 28/03/2019 | Sección: Sindicato Labrego Galego,Sindicatos
A galega Sonia Vidal escollida para formar parte do Comité Coordinador da Vía Campesina en Europa
Compartir en:

Sonia Vidal Lamas, gandeira de Xunqueira de Ambía (Ourense) que forma parte da Executiva do Sindicato Labrego Galego, vén de ser escollida para formar parte do Comité Coordinador da Coordinadora Europea da Vía Campesina (European Coordination of Via Campesina-ECVC). A elección tivo lugar na Asemblea Xeral da ECVC, que se desenvolveu o 25 e 26 de marzo en Bruxelas, e na que participaron 27 organizacións agrarias de 17 países europeos que forman parte da Vía Campesina no vello continente. Sonia Vidal ocupará esta responsabilidade durante os dous vindeiros anos, sendo prorrogables até en tres ocasións e podendo sumar un máximo de oito anos no desempeño das súas funcións.

Dende o Sindicato Labrego Galego decidimos presentar a candidatura de Sonia Vidal porque vimos a necesidade de afondar en cuestións como a igualdade de xénero, tanto dentro das organizacións que forman parte da ECVC, como no propio agro. Neste senso, Sonia Vidal contará coa experiencia de décadas desenvolta pola Secretaría das Mulleres do SLG en loitas como a titularidade compartida nas explotacións ou en feitos como a paridade dentro do propio sindicato, co obxectivo de facer do feminismo e da igualdade algo transversal nas organizacións agrarias da ECVC.

A maiores, Sonia Vidal afronta esta nova etapa con temas en axenda como a reforma da Política Agraria Común (PAC), a agroecoloxía, o acceso á terra, as políticas públicas no rural, etc.

Xunto a Sonia, foi escollida tamén para renovar o Comité Coordinador da ECVC Alessandra Turco, da Assoziacione Rurale Italiana (ARI), e reelixido Xosé Miguel Pacheco, da Confederação Nacional de Agricultura (CNA) de Portugal. Ademais, dúas novas organizacións agrarias se uniron ás 27 que xa formamos parte da ECVC: Talamh Beo, de Irlanda; e HSPE, Alianza de Asociacións de Agricultura Orgánica, de Croacia.

Comentar noticia

Your email address will not be published.