A gran festa da música en femenino enche a sede da Deputación de Pontevedra de Vigo para lanzar “Descúbre-as”, un programa pioneiro para visibilizar e impulsar o talento das mulleres do sector

Na gala actuaron Natary Feel, Paulinha e o Coro Allegro, e enviaron mensaxes de apoio grandes creadoras como Sés e Rozalén, que animou ás rapazas a “loitar e ser constantes. Non hai mellor lotería que poder vivir do que che gusta”
Publicado por o día 17/12/2020 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Vigo

A gran festa da música en femenino enche a sede da Deputación de Pontevedra de Vigo para lanzar “Descúbre-as”, un programa pioneiro para visibilizar e impulsar o talento das mulleres do sector

A música en vivo con voz de muller inundou esta tarde a sede da Deputación en Vigo na gran festa organizada pola institución provincial para visibilizar o talento feminino entre as alumnas de escolas musicais, e pór en valor o traballo das artistas e as profesionais do sector. O acto celebrouse con motivo do lanzamento da plataforma “Descúbre-as”, un proxecto pioneiro en todo Estado, liderado pola Deputación coa colaboración de Regalamúsica e a participación dos centros de ensino e representantes da industria, que vai dirixido a mozas de entre 16 e 25 anos e ten como finalidade que poidan desenvolver a súa carreira coas mesmas oportunidades que os seus compañeiros.

Unha gala que se prece para promover o talento musical feminino debe ter como protagonistas ás propias artistas e profesionais. Así aconteceu hoxe na sede de Vigo, con actuacións en vivo de principio a fin a cargo de Natary Feel, Coro Allegro e Paulinha, e o apoio a través de mensaxes en vídeo de destacadas representantes de distintos ámbitos do sector (promotoras, managers, artistas…). O evento tamén contou coa asistencia da presidenta da Deputacion, Carmela Silva, do alcalde de Vigo, Abel Caballero, de creadoras, profesionais, alumnas e profesoras de escolas da provincia, así como de medios xerais e especializados. O acto foi emitido en streaming e nas redes sociais cun gran seguimento, e cumpriu os aforos e protocolos activados fronte á Cóvid-19.

Entre as creadoras que enviaron mensaxes no vídeo de apoio á iniciativa estaban Sés e tamén Rozalén, que se dirixiu a todas as mozas que queiran dedicarse ao mundo da música para desexarlles “moita forza e moito ánimo”. “Debedes ser moi constantes e se é o que realmente vos gusta, pelexade por conseguilo. Loitade moito, traballade moito e estudiade máis. Non hai mellor lotería que poder vivir do que che gusta”, subliñou a cantautora e compositora.

A presidenta Carmela Silva detallou todos os datos obxectivos de diferentes estudios que mostran ás claras a invisibilización das mulleres tamén na industria musical. “Por iso, dixo, nace Descubre-As, para rachar tamén na música con tanto teito de cristal e tanto chan de cemento armado”. “Hoxe o soño de empoderar e visibilizar ás mulleres que fan música convértese en realidade” asegurou. Mediante este proxecto preténdese combater “eses datos da situación da muller na música que son intolerables e non se poden consentir. Cando alguén ten coñecemento, méritos e talento debería posicionarse nos mellores lugares pero non, na música non está a acontecer porque nós non temos redes, non estamos mentorizadas, seguimos a ser invisibles e temos moitísimos estereotipos sociais que nos impiden posicionarnos, empoderarnos e chegar á metade de todo que é o que nos corresponde”. “Non podemos permitirnos como sociedade perder todo ese talento e por iso imos relacionalas coa industria musical para darlles oportunidades”, insistiu a presidenta provincial, quen tamén amosou a súa confianza en que “imos cambiar as cousas, porque cando nos unimos, cando hai sororidade entre as mulleres e logramos que os homes nos acompañen nesta fermosa loita, conseguimos cambiar o mundo”.

Pola súa banda o alcalde de Vigo, Abel Caballero, puxo en valor a estreita relación da cidade coa música afirmando que “ten un talento innato: nesta cidade a música brota e esa cultura ten que ter a súa alma en mozas e mulleres, ten que ser igualitaria, porque o talento non é propiedade de ninguén, é un ben de desfrute colectivo e todo aquel ou aquela que o teña ten que ter a posibilidade de poder utilízalo”. Por este motivo Caballero felicitou á presidenta da Deputación por este proxecto para impulsar a igualdade, “un concepto básico”.

Actuacións coa esencia do proxecto

A música en vivo do evento, que comezou cunha cinematográfica conta atrás, correu a cargo de artistas da provincia, e cada unha das actuacións simboliza as vimbias do proxecto “Descúbre-as”. A cantautora Natary Feel interpretou en directo o tema “Meiga”. Natary, nome artístico de Natalia Rial, é unha moza viguesa de 24 anos cun talento que xa está a inundar as redes con pequenas pílulas musicais en formato cover. O seu traballo supón un aliciente para todas aquelas nenas e mozas que buscan a maneira de xestionar o seu talento e convertelo nun proxecto real.

Pouco despois chegou o turno do Coro Allegro, que interpretou un cover de “Shallow” de Lady Gaga. O grupo está formado por Carolina Vázquez Lemos, Amparo Mosquera Alonso, Victoria González Díez e Ana Rodríguez-Quintana Pernas, alumnas de música da Escola Allegro (Vigo). A súa participación no acto representa a todas as nenas e mozas en fase de formación en moitas outras escolas repartidas por toda a provincia. A implicación das escolas no desenvolvemento de “Descúbre-as” é fundamental, xa que nelas, tanto nenas como nais e pais depositan a súa confianza para a súa formación artística.

Completou o abano de actuacións en vivo a cambadesa Paulinha, artista que, como ela mesmo explica, mestura no seu xenoma musical a poesía, o sentimento, a rabia e a constancia. Paulinha, nada en 1994, comezou a rasgar os seus primeiros acordes á guitarra aos 14 anos e en 2018 lanzou o seu primeiro traballo, “De-Xeneración”. Este ano vén de publicar o segundo “A Mafaldada”. A artista é un exemplo do esforzo que supón compaxinar estudos, música e traballo para levar adiante o seu proxecto persoal.

O proxecto “Descúbre-as”

As mozas que cursan unha carreira musical teñen en “Descúbre-as” unha nova canle de información, formación e contacto con artistas e representantes do sector para contribuír ao seu crecemento profesional e cumprir os seus soños. O proxecto, que se converterá nunha das accións culturais máis potentes da Deputación en 2021, busca rachar os obstáculos existentes para as mulleres no sector musical e desenvolveuse coa colaboración de profesionais, escolas de música e produtoras.

O programa, de carácter musical, didáctico e social, artéllase en distintos eixos. Dunha banda ponse en marcha a plataforma web, www.descubrelas.com, onde é posible coñecer quen integra a iniciativa e as razóns de ser da mesma, así como noticias, entrevistas e vídeos relacionados coa actualidade musical. A web recolle tamén unha sección de videotitoriais con información sobre música e un foro de debate. Amais, tamén se inclúe un directorio de contacto a modo de novo mapa creativo da industria musical. Nesta sección, concretamente, visibilízase o traballo e talento feminino que existe na provincia en canto á industria musical e tamén se pon en contacto a profesionais do sector.

Un ambicioso programa de mentoring dará apoio e contribuirá a desenvolver novas propostas musicais en colaboración con profesionais da industria, escolas e produtoras, acompañando ás mozas nos seus primeiros pasos e axudándoas a contactar e familiarizarse co sector. Para este programa de mentoring poderá formalizarse a inscrición a través da plataforma web, e ofrece ata seis sesións de asesoramento online con expertas da industria musical que axudarán ás mozas a lanzar os seus primeiros produtos, gravar a súa primeira canción e mesmo producir un vídeo-clip en formato profesional. Por outra banda, habilitarase un consultorio online no que se dará resposta ás estudantes de música sobre o programa, e completa o proxecto unha campaña de comunicación para divulgar a iniciativa, os seus contidos e o produto resultante.

Os datos que acreditan as barreiras

A música e toda a súa industria son un entorno masculinizado e así o demostran os datos. As mulleres suman o 16% das persoas artistas, o 12% na composición e o 3% na produción segundo un estudo da Universitat Pompeu Fabra. A Asociación MIM (Mujeres de la Industria Musical) constatou que o número de empresarias musicais sitúase no 16% a pesar de que o persoal feminino chega ao 38%, que un 18% das mulleres están ao fronte de salas e que soamente un 14% son directoras de empresas de música en directo ou discográficas.

Outra mostra da desigualdade evidenciase nos carteis dos festivais. No 2017, nos 20 eventos musicais máis grandes de España soamente o 15% das persoas solistas e bandas incluían mulleres. Por outra banda, segundo “Mujeres y Música” soamente o 13% das artistas son bandas e solistas femininas e un 20% das persoas finalistas aos Premios da Música son mulleres. A fenda salarial e a precariedade tamén afecta ás traballadoras da industria musical e así, segundo o estudo do Goberno británico, a remuneración entre as empregadas de Sony, Universal ou Warner tiña unha diferencia cos homes dun 35%.

A situación nas escolas

O número de alumnas nos conservatorios de música supera amplamente ao de alumnos, tanto nos estudos elementais como nos profesionais, sen embargo o peso das mulleres mingua a medida que avanzan as carreiras. Así, as mozas son o 56,5% nos estudos elementais e o 53,6% nos profesionais, pero a cifra invértese ao chegar aos estudos superiores, onde son máis homes, o 58,6%. En canto ao profesorado nos conservatorios as docentes supoñen o 43,6%, e por cada tres catedráticas hai sete catedráticos.

Esta realidade, unido ao talento feminino existente na provincia de Pontevedra, moveu á Deputación a pór en marcha o proxecto “Descúbre-as” a fin de eliminar todas as barreiras que dificultan ás mozas expresar e exercer plenamente a súa vocación musical.

Comentar noticia

Your email address will not be published.