A Guarda acolle este domingo a Romaría de Santa Trega

Publicado por o día 19/09/2018 na sección de A Guarda,Galicia

A Guarda acolle este domingo a Romaría de Santa Trega

O vindeiro domingo día 23 de setembro A Guarda acolle, un ano máis, a Romaría de Santa Trega, un evento de carácter relixioso e tamén festivo que congrega no Monte de Santa Trega a multitude de fieis e devotos da Virxe de Santa Trega.

Dende primeira hora da mañá a Capela de Santa Trega acolle varias misas ás 8, 9 e 10 da mañá e ás 11:00h Sermón e Solemne Procesión.

Tralo remate dos actos relixiosos celébranse as tradicionais poxas de produtos típicos, cunha monumental tarta que sempre agocha algún gran premio no seu interior.

A tradición manda realizar un xantar popular, onde as familias se reúnen para almorzar, cantar e bailar ata a tardiña, onde o son das gaitas, acordeóns, pandeiretas e tamboriles acompañan a sobremesa.

Dende o Concello da Guarda recórdase á poboación o deber de respectar o noso patrimonio, sinal de identidade do noso pobo, evitando maltratar ou acceder a zonas patrimoniais coma a Citania de Santa Trega.