A Guarda acolle este sábado o V Campionato Galego Inclusivo Slalom de Motonáutica

Publicado por o día 18/08/2020 na sección de A Guarda,Galicia

A Guarda acolle este sábado o V Campionato Galego Inclusivo Slalom de Motonáutica

O martes día 18 de agosto de 2020 a Casa dos Alonso foi o escenario elixido para acoller a Presentación do V Campionato Galego Inclusivo Slalom de Motonáutica, unha proba deportiva que terá lugar o sábado 22 de agosto a partires das 11:00h no Porto da Guarda.

Neste acto de presentación estiveron presentes Antonio Lomba Baz, Alcalde da Guarda; Montserrat Magallanes, Concelleira de Deportes; José Fernández Prado, Presidente da Federación Galega de Motonáutica; Carlos Estévez Gómez, Vogal da Xunta Directiva da Federación Galega de Motonáutica e Marcos Casaleiro Pousadela, Vogal da Xunta Directiva da Federación Galega de Motonáutica e deportista participante no campionato.

José Fernández Prado, Presidente da Federación Galega de Motonáutica, quixo agradecer o apoio do Concello da Guarda para a realización desta proba deportiva, amosando a boa disposición e colaboración prestada sempre coa Federación.

Carlos Estévez Gómez, Vogal da Xunta Directiva da Federación Galega de Motonáutica, explicou que debido á pandemia da Covid-19 a participación vai ser un pouco inferior con respecto a de anos anteriores, agardando chegar aos 10 equipos, cun protocolo especial con uso de mascaras obrigatorio por parte dos participantes e a desinfección da embarcación entre cada exercicio. Carlos explicou que o funcionamento desta proba consiste en facer un percorrido entre boias, recollendo ao inicio unha pelota e facendo o percorrido nun tempo previamente marcado, existen bonificacións e penalizacións que ao final das probas van a outorgar as puntuacións de cada parella ou equipo participante. A proba terá inicio ás 11:00h da mañá no Porto da Guarda e a iso das 14:00h realizarase a entrega de premios, trofeos elaborados pola Asociación Avelaíña.

Montserrat Magallanes, Concelleira de Deportes, agarda que o tempo acompañe aos participantes este vindeiro sábado e que deste xeito podan gozar do entorno, da natureza e do mar.

Marcos Casaleiro Pousadela, Vogal da Xunta Directiva da Federación Galega de Motonáutica e deportista participante no campionato aproveitou a súa intervención para realizar un convite a toda a xente que o desexe a iniciarse no mundo da motonáutica, destacando que é unha experiencia moi boa, unha proba deportiva integradora que axuda ás persoas a achegarse ao mundo do mar e da navegación a motor.

Pechou este acto de presentación Antonio Lomba Baz, Alcalde da Guarda, quen explicou que nesta época difícil que nos toca vivir, onde é complicado realizar probas deportivas, o Concello da Guarda estará sempre coa inclusión e co deporte, convidando tamén a toda a xente que o desexe a que empregue a gamela a vela adaptada “A Roncadeira”, para sentir o pracer da navegación, que se poña en contacto co Clube Alagua, que xestiona dita embarcación. Rematou o edil co optimismo de facer este tipo de eventos deportivos, para continuar coas actividades anuais, moitas das cales se tiveron que suspender pola Covid-19.

Comentar noticia

Your email address will not be published.