A Guarda acolle o 23 de setembro a Romaría de Santa Trega

Publicado por o día 17/09/2019 na sección de A Guarda,Galicia

A Guarda acolle o 23 de setembro a Romaría de Santa Trega

O vindeiro luns día 23 de setembro(festivo local), A Guarda acolle un ano máis a Romaría de Santa Trega, un evento de carácter relixioso e tamén festivo que congrega no Monte de Santa Trega a multitude de fieis e devotos da Virxe de Santa Trega.

Dende primeira hora da mañá a Capela de Santa Trega acolle varias misas ás 8, 9 e 10 da mañá e ás 11:00h Sermón e Solemne Procesión.

Tralo remate dos actos relixiosos celébranse as tradicionais poxas de produtos típicos, cunha monumental tarta que sempre agocha algún gran premio no seu interior.

A tradición manda realizar un xantar popular, onde as familias se reúnen para almorzar, cantar e bailar ata a tardiña, onde o son das gaitas, acordeóns, pandeiretas e tamboriles acompañan a sobremesa.

Dende o Concello da Guarda recórdase á poboación o deber de respectar o noso patrimonio, sinal de identidade do noso pobo, evitando maltratar ou acceder a zonas patrimoniais coma a Citania de Santa Trega. Unha ocupación da zona delimitada pode provocar agresións que resulten en danos nas estruturas deste espazo protexido, un dos lugares máis visitados de Galicia e cun valor patrimonial e arqueolóxico único.

A maioría da poboación é consciente de que o xacemento castrexo do monte Santa Trega é un tesouro para A Guarda e para Galicia, e de que debemos dar unha imaxe acorde coa súa importancia e valor. Por parte do Concello e do Padroado do monte Santa Trega seguiremos traballando para concienciar a poboación no respecto polo patrimonio, lembrando que é tarefa de todos mantelo en boas condicións.

Comentar noticia

Your email address will not be published.