A Guarda adxudica por case 50.000€ as obras de mellora na Praza de Abastos

Publicado por o día 06/02/2019 na sección de A Guarda,Galicia

A Guarda adxudica por case 50.000€ as obras de mellora na Praza de Abastos

O Concello da Guarda ven de adxudicar á empresa DENUEVO PUNTO CREATIVO, S.L. por un valor total de 48,865,89€ IVE incluído, o contrato para o proxecto de reforma da Praza de Abastos, que se suma ás melloras xa realizadas nos pasados anos e que recolle traballos de eliminación de barreiras, mellora e conservación e equipamentos.

O Concello da Guarda vai a executar unha serie de actuacións na Praza de Abastos do municipio que consistirán na adaptación total en termos de mobilidade e accesibilidade, entendendo que esta é unha moi boa oportunidade para facer tales actuacións neste espazo, que quedará perfectamente axeitado para a mobilidade de persoas.

Actuacións previstas en instalacións consisten na colocación de portas automáticas nos accesos dende a rúa Xulián López e Concepción Arenal, así coma a construción duns aseos accesibles na planta superior e a reforma dos baños existentes.

Recuperarase ademais a antiga bóveda de canón da porta de acceso norte na rúa Xulián López para realzar o valor arquitectónico do edificio

O prazo de execución das obras será aproximadamente dun mes, executándose os traballos simultaneamente co uso deste espazo coa finalidade de causar o menor prexuízo a praceiros e cidadáns.

O edificio da Praza de Abastos data do ano 1921, aínda que xa se realizou unha ampliación e reforma no ano 1955, sendo un dos focos comerciais de maior interese do municipio con varios postos de carnes, peixes e mariscos, froitas e hortalizas, etc.