A Guarda conta xa cun Skate Park

Publicado por o día 06/03/2019 na sección de A Guarda,Galicia

A Guarda conta xa cun Skate Park

O pasado sábado día 2 de marzo celebrouse a apertura oficial da nova infraestrutura deportiva na zona da Atalaia no Porto da Guarda, cunha programación de actividades que comezaron ás 10:00h da mañá e que se prolongaron ata a tardiña.

Centos de persoas achegáronse dende diferentes puntos da xeografía galega para asistir e probar esta nova pista e gozar das diferentes actividades programadas nun evento, que estivo organizado pola Asociación Galifornia Beat! e que contou coa colaboración do Concello da Guarda e da Deputación de Pontevedra.

Os asistentes contaron con amenización musical en directo, zona de xantar e diferentes competicións deportivas. Un dos pratos fortes foi sen dúbida a exhibición do rider Jorge Simoes, gañador na súa modalidade dunha das pasadas edicións do Marisquiño en Vigo.

As obras do Skate Park Atalaia iniciáronse no mes de agosto de 2018 no Porto da Guarda coa ampliación da zona deportiva existente e a preparación dos terreos para albergar a nova pista de skate e zona deportiva e de ocio infantil.

Esta actuación, financiada en parte polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, ven a cubrir as necesidades dun colectivo en auxe ao longo dos pasados anos e que precisa dunhas instalacións axeitadas para a práctica deportiva, sendo o skate unha modalidade deportiva de referencia na Guarda, atraendo dinamismo a este espazo urbano.

O proxecto incluíu a ampliación do espazo existente en 12 metros para desprazar a pista multiusos existente e albergar o novo skatepark, que conta cun «bowl» e diferentes equipamentos fundamentais para a práctica deste deporte, nunha superficie total de 46m x 18,20m.