A Guarda licita as obras de mellora da mobilidade e seguridade no entorno da rúa Vigo e Celta

Publicado por o día 29/03/2019 na sección de A Guarda,Galicia

A Guarda licita as obras de mellora da mobilidade e seguridade no entorno da rúa Vigo e Celta

O Concello da Guarda atopase nestes intres no proceso de licitación das obras de remodelación e mellora da seguridade dos viarios municipais a través do programa DepoRemse da Deputación de Pontevedra, do cal o Concello da Guarda vai ser beneficiario a través da mellora da mobilidade e seguridade no entorno das rúas Vigo e Celta.

No entorno destas rúas A Guarda conta con numerosas instalacións e equipamentos públicos coma o Centro de Saúde, o Conservatorio de Música, o Pavillón Municipal, o IES A Sangriña, o CEIP A Sangriña, o Estadio Municipal da Sangriña, lugares que son frecuentados por milleiros de persoas, na súa maioría rapaces e rapazas, para asistir a estes equipamentos.

Coa posta en marcha deste proxecto se pretende mellorar estes desprazamentos peonís, mellorando a seguridade dos usuarios, peóns e tamén a circulación de vehículos, destacando a construción dunha glorieta no coñecido coma «cruce dos bechos».

As obras realizaranse na Rúa Vigo, dende o enlace coa PO-552 ata as proximidades do Pavillón Municipal e en parte Rúa Celta, sendo esta actuación unha primeira fase, que se pretende completar cunha segunda fase para a humanización da totalidade destas dúas rúas.

O Proxecto de mellora da mobilidade e seguridade no entorno da rúa Vigo e Celta, conta cun orzamento de 588.235,29 euros, dos cales 500.000 apórtaos a Deputación de Pontevedra e 88.235€ o Concello da Guarda. A previsión é  que a obra estea executada antes do remate de 2019.

Todos os proxectos aprobados, tal e como informou a presidenta da institución provincial, correspóndense con obras completas que melloran a calidade de vida da veciñanza, dan cumprimento á normativa vixente sobre seguridade viaria, foron aprobados polo órgano competente do concello e contan con terreos de titularidade municipal. Ademais, para a valoración de todos eles, tamén se tiveron en conta criterios como a poboación, a extensión da rede viaria municipal, a densidade de poboación e a calidade e madurez dos proxectos, sendo o proxecto presentado pola Guarda, un dos que acadou as mellores puntuacións.