A historia do prestixioso pianista James Rhodes protagoniza ‘reseñas.5’

A obra afonda no poder terapéutico da música na vida de alguén que sufriu abusos sexuais na infancia
Publicado por o día 25/02/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

A historia do prestixioso pianista James Rhodes protagoniza ‘reseñas.5’

Se lemos a palabra Instrumental é moi probable que nos veña á cabeza o termo música, e a música foi precisamente a única táboa de salvación que tivo o londiniense James Rhodes para liberarse do sufrimento e da angustia causados polos abusos sexuais que viviu durante a infancia. O músico decidiu contar a súa historia no libro autobiográfico Instrumental, no que detalla a dureza da súa infancia e a axuda que supuxo para el a música clásica. Unha vida intensa á que este mes a biblioteca de Torrecedeira lle outorga visibilidade ao abeiro da actividade de dinamización da lectura, reseñas.5.

Coa difusión desta obra búscase, ademais de fomentar a lectura, estimular o pensamento crítico a través de, por unha banda, darlle voz ao inferno de moitos nenos e nenas e, por outra, amosar o poder terapéutico da música. “É unha historia sobre o poder terapéutico que pode ter a música na vida de alguén que tivo que vivir coas secuelas dos abusos sexuais sufridos durante a súa infancia”, explica Manuel Velasco, técnico especialista da biblioteca. Neste senso, Instrumental é unha biografía na que o músico, que actuará o vindeiro 19 de maio no ciclo Voices 2019 de Pontevedra, se sincera, abre o seu corazón e busca unha redención.  “É unha historia sobre un pianista comprometido con sacar a música clásica do seu armazón ríxido e elitista para amosar o seu poder terapéutico”, recalca Velasco.

Ao mesmo tempo, o volume preséntase como o relato en primeira persoa de quen, “esporeado polas súas vivencias, se converte en activista para cambiar o mundo que permitiu os abusos que tanto o condicionaron”, engade o técnico. Como colofón para os melómanos, o escritor decidiu introducir recomendacións musicais, a través de historias descoñecidas dos seus intérpretes, en cada un dos vinte capítulos do libro.

Dinamizando a lectura de diferentes xeitos

Como cada mes, o equipo de organización de reseñas decorou diferentes recunchos da sala de estudo e realizou unha exposición arredor da publicación. Nesta ocasión, as persoas que se acheguen ata a biblioteca poden atopar dende pílulas, partituras de Bach, vinilos do artista e botellas de alcohol ata unha radio antiga e un teclado.  Ademais, a exposición Música, abusos, mediciña e loucura conta con diferentes títulos sobre musicofilia, acoso sexual, violencia na infancia… “A mostra está a ser todo un éxito entre o público”, explica Aser Fernández, técnico especialista de biblioteca, quen recalca que “o programa está a funcionar moi ben, aínda non rematamos o período de reseñas.5 e os exemplares prestados superan xa a cifra dos corenta”.

Por outra banda, dende o centro recordan que a actividade está aberta a todo o mundo e que calquera pode propor ou recomendar un libro. Para facelo só é necesario pórse en contacto coa biblioteca a través das súas redes sociais Twitter Instagram.

En marzo homenaxearase ás mulleres

A actividade reseñas, que continuará previsiblemente ata finais do ano 2019, xa ten deseñadas as súas próximas propostas. En marzo homenaxearase ás mulleres co gallo do Día Internacional da Muller e proporase o capítulo Una interpretación feminista del capitalismo patrimonial da escritora Heather Boushey inserido en Debatiendo con Piketty, no que en poucas páxinas se fai unha análise das teses do economista galo dende un punto de vista diferente ao habitual.