A homenaxe á ciclista Susana Alonso na saída da “Challenge Rías Baixas”, primeiro acto conmemorativo do Día da Muller en Mos

A Mesa de La Vuelta decidiu homenaxeala nomeándoa madriña da proba que saiu esta tarde desde o Pazo de Mos e agasallándoa co primeiro maillot oficial mosense da saída de La Vuelta Ciclista a España
Publicado por o día 29/02/2020 na sección de Galicia,Mos

A homenaxe á ciclista Susana Alonso na saída da “Challenge Rías Baixas”, primeiro acto conmemorativo do Día da Muller en Mos

Hoxe abríronse os actos do Día Internacional da Muller en Mos, que se celebra o vindeiro 8 de marzo, cunha homenaxe a unha muller de gran relevancia do mundo do deporte mosense: a ciclista Susana Alonso Carballo. O acto celebrouse previamente á saída da IV “Challenge Rías Baixas” desde o Pazo de Mos e estiveron presentes a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, o tenente alcalde, Camilo Augusto, a concelleira de Deportes, Begoña Toucedo, a edil de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, membros da Mesa de La Vuelta do Concello de Mos e o presidente da Fundación Pazo de Mos, Antonio Rial.

A Mesa de La Vuelta do Concello de Mos, na última sesión celebrada o pasado 21 de febreiro na Asociación de Veciños Celado de Cela, acordou que Susana Alonso fora a madriña da “Challenge Rías Baixas”, polo que foi a que cortou a cita da saída da proba.

Durante a homenaxe Alonso recibiu o maillot oficial da saída de LA VUELTA 20 desde Mos, sendo á primeira persoa á que o Concello lle entrega este agasallo institucional, presentado onte no IES de Mos. Neste caso concreto o maillot leva tamén rotulado na parte traseira do mesmo o nome de Susana Alonso.

A rexedora local, Nidia Arévalo, e a edil mosense de Deportes, Begoña Toucedo, eloxiaron “a capacidade de superación de Susana, Medalla ao Mérito Deportivo do Concello de Mos 2017, unha deportista incansable que nunca deixa de sorprendernos e que é unha honra ter entre a veciñanza do Concello de Mos”. “Susana Alonso é un verdadeiro exemplo en valores deportivos e vitais para a mocidade mosense e un orgullo en xeral para a poboación do municipio, que pode presumir de ter unha veciña tres veces campioa de España no BTT de competición, gañadora de 2 Open de España e que fixo podio varias veces nos World Maraton Series”, salientaron Arévalo e Toucedo.  O esforzo da ciclista mosense é dobremente meritorio ao compaxinar o deporte de alta competición coa súa vida profesional. Ademais Susana Alonso forma parte da Selección de Galicia.

Deste xeito Alonso Carballo amadrinou a cuarta edición da “Challenge Rías Baixas” de ciclismo que organiza o club “Master da Louriña” co apoio das Concellerías de Deportes do Concello de Mos, O Porriño e Ponteareas. A Challenge consta de tres etapas que se disputarán entre hoxe sábado 29 de febreiro e mañá domingo 1 de marzo.

A primeira etapa foi unha contrareloxo individual de 8 quilómetros no parque de Avisoureira, en Guláns (Ponteareas). A segunda etapa é unha etapa en liña de 81 quilómetros, ó longo do concello de Mos, con saída ás 17:00 h e chegada as 19:30 h (Pazo de Mos).

E a terceira e última etapa da Challenge, no Porriño, consiste noutra etapa en liña, de preto de 78 quilómetros. A “Challenge Rías Baixas 2020” contou con 192 participantes. Reservada para corredores Master 30, Master 40, Master 50 e Master 60, así como para Féminas Master. Tamén hai unha categoría junior para a que se reservaron 30 prazas.

Fotografías

Comentar noticia

Your email address will not be published.