A hospitalización a domicilio da área de Vigo, máis preto dos seus pacientes

HADO atende a 650 pacientes anualmente e segue a ser a única de Galicia que chega a todos os lugares da área sanitaria
Publicado por o día 26/03/2019 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

A hospitalización a domicilio da área de Vigo, máis preto dos seus pacientes

A Unidade de Hospitalización a Domicilio (HADO) do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) está cada vez máis preto dos pacientes para atendelos nos seus propios lugares de residencia. A tal fin, a área sanitaria viguesa ven de renovar a frota de vehículos asistenciais de que dispón, catro dos cales son utilizados por esta unidade, e veñen substituír aos vellos automóbiles
que se utilizaban ata agora.

A renovación da frota supón unha maior comodidade e axilidade para os desprazamentos dos equipos de HADO e súmanse as melloras das dotacións desta Unidade, que xa desde hai case dous anos utiliza medios informáticos para as historias clínicas dos pacientes e pauta “in situ” a medicación dos enfermos, mediante o emprego de tablets.

A Unidade de Hospitalización a Domicilio atende anualmente a 650 pacientes nas súas casas e segue a ser a única de Galicia que da cobertura á totalidade dos municipios da área sanitaria de Vigo.

Presta asistencia a pacientes que, polas súas características ou polas doenzas que padecen e o estado avanzado da súa enfermidade, necesitarían ingreso hospitalario pero prefiren permanecer no seu domicilio onde os profesionais sanitarios subministran os mesmos coidados e atencións que nun ingreso hospitalario convencional. Trátanse pacientes con calquera patoloxía, incluídos enfermos con necesidades paliativas, oncolóxicos ou non.

HADO dispón nestes momentos de 5 equipos formados por un médico e unha enfermeira, que desprazan nos vehículos da Unidade á zona de residencia do enfermo. Tres deses equipos traballan en quenda de mañá e os dous restantes fano polas tardes. A base de operacións está no Hospital Álvaro Cunqueiro, dependencias próximas ás de Urxencias.

Todos os facultativos integrantes dos equipos móbiles de HADO dispoñen da súa especialidade MIR, ademais de cursos e másters en coidados paliativos ou similares. O mesmo ocorre co persoal de enfermaría, que se despraza nas distintas unidades. “Chegamos a todos os concellos, algo moi importante e do que nos sentimos moi satisfeitos, e contamos con excelentes profesionais totalmente cualificados para o gran labor que desempeñan a diario”, subliña o doutor Luís Amador, coordinador da Unidade.

Máis vehículos

A renovación da frota de vehículos para uso asistencial inclúe tamén os dous que teñen base no Hospital Nicolás Peña, adscritos ao Servizo de Psiquiatría para a continuidade dos coidados a domicilio de determinados pacientes. O resto dos vehículos recentemente adquiridos están destinados a mantemento dos centros de saúde da área sanitaria.