A hospitalización a domicilio do CHUVI modelo para a sanidade portuguesa

HADO atende a 650 pacientes anualmente e segue a ser o único servizo de Galicia que chega a todos os lugares da área sanitaria
Publicado por o día 20/09/2019 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

A hospitalización a domicilio do CHUVI modelo para a sanidade portuguesa

O coordinador nacional da Unidade de Hospitalización Domiciliaria de Portugal, Delfim Pereira Neto, acompañado doutros directivos sanitarios, realizou esta mañá unha visita ao hospital Álvaro Cunqueiro, onde foi recibido polo equipo directivo. Mantiveron unha reunión coa directora de Procesos de Soporte da área sanitaria de Vigo, Susana Cerqueiro, co xefe do servizo de Hospitalización a Domicilio, Luis Amador, e outros profesionais sanitarios do HADO. Este encontro enmárcase no programa desenvolvido para visitar outros servizos de HADO na comunidade galega. O obxectivo era interesarse polo modelo de xestión deste servizo e pola súa actividade.

Tras esta visita, manifestaron a súa sorpresa ante o gran desenvolvemento deste servizo sanitario, o seu nivel de cobertura, os resultados de actividade e, sobre todo, pola gran eficacia das súas prestacións.

A Unidade de Hospitalización a Domicilio do Chuvi atende anualmente a 650 pacientes nas súas casas e segue a ser a única de Galicia que da cobertura á totalidade dos municipios da área sanitaria de Vigo.

Presta asistencia a pacientes que, polas súas características ou polas doenzas que padecen e o estado avanzado da súa enfermidade, necesitarían ingreso hospitalario pero prefiren permanecer no seu domicilio onde os profesionais sanitarios subministran os mesmos coidados e atencións que nun ingreso hospitalario convencional. Trátase de pacientes con calquera patoloxía, incluídos enfermos con necesidades paliativas, oncolóxicos ou non.

Nestes momentos o servizo dispón de 5 equipos formados por un médico e unha enfermeira, que se desprazan nos vehículos da Unidade á zona de residencia do enfermo.

Tres deses equipos traballan en quenda de mañá e os dous restantes fano polas tardes. A base de operacións está no Hospital Álvaro Cunqueiro, dependencias próximas ás de Urxencias.

Novas dotacións

Nos últimos tempos o HADO do Complexo Hospitalario de Vigo experimentou unha serie de melloras. Así, co obxecto de facilitar o achegamento aos pacientes, renováronse os catro vehículos asistenciais dispoñibles.

A renovación da frota supón unha maior comodidade e axilidade para os desprazamentos dos equipos de HADO e súmanse as melloras das dotacións desta

Unidade, que xa desde hai case dous anos conta con tablets de última xeración para a asistencia diaria que permiten aos profesionais dispoñer da historia clínica dos pacientes no seu propio domicilio.

Ademais, con estes dispositivos, os sanitarios poden recibir informes e pautar in situ nova medicación ou “cargar” na tarxeta sanitaria do paciente as modificacións que consideren convenientes nos seus tratamentos.

Aposta pola Atención Domiciliaria

O Servizo Galego de Saúde, na súa firme aposta pola atención domiciliaria, ven de presentar un novo Plan de Hospitalización a Domicilio que reforzará o vínculo deste modelo asistencial coa Atención Primaria, xa que incluirá a atención compartida de primaria e dos profesionais de HADO. Así, asistirán ao paciente de maneira coordinada, programando visitas conxuntas cando sexa necesario.

A Hospitalización a Domicilio terá un papel fundamental para afrontar desafíos como o envellecemento da poboación e a súa dispersión, así como as enfermidades crónicas.

O novo Plan apostará pola equidade, xa que permitirá estender o servizo ao 100% dos galegos, os 365 días do ano. Para logralo, contará cun orzamento de 2,5 millóns de euros, dos cales 2,3 se destinarán a persoal.