A humanización entra de cheo nos cursos de formación do persoal da área sanitaria de Vigo

A EOXI de Vigo, a través da Axencia de Coñecemento en Saúde, programa este ano 45 cursos, dos que 8 están vinculados ao Plan de Humanización
Publicado por o día 25/02/2019 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

A humanización entra de cheo nos cursos de formación do persoal da área sanitaria de Vigo

Os procesos e os procedementos para avanzar na humanización dos servizos asistenciais entran de cheo nos plans de formación deste ano para o persoal da área sanitaria de Vigo, tanto de atención hospitalaria como de atención primaria. Así se reflicte na relación da actividade formativa para profesionais, que remitiu a Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) á Xerencia da EOXI de Vigo e que se desenvolverán entre os meses de marzo e novembro.

Os cursos, dirixidos a profesionais de distintos colectivos segundo o tema que se aborde, están coordinados polas Unidades de Formación Continuada da EOXI de Vigo, e ofrécense de acordo aos criterios que a Dirección da área sanitaria considerou máis axeitados, así como aos resultados das enquisas realizadas aos propios profesionais. De aí xorde unha oferta de 45 cursos para os profesionais da EOXI viguesa, dos que 8 están directamente relacionados coas prácticas de humanización que se recollen no Plan Estratéxico, Estratexia XXI, que están en vigor desde o ano pasado.

Do mesmo xeito, o resto dos cursos enmarcaríanse noutras liñas do Plan Estratéxico, sobre todo no referido á formación do persoal e ao coidado dos propios profesionais. Os temas relacionados coa humanización concéntranse este ano en dúas facetas. Por unha banda, a adquisición de coñecementos para o “acompañamento no proceso de dó aos familiares ou achegados do paciente falecido”. Doutra banda, a obtención de “habilidades de comunicación cos pacientes e familiares”. Ambos temas abordaranse tanto en instalacións hospitalarias como de atención primaria.

Cada un dos cursos dispoñerá dun máximo de 22 asistentes e terán distintas duracións segundo a temática que aborden. “Este ano aumentou o número de horas destinadas ao plan AFEDAP (Acordo de Formación para o Emprego das Administracións Públicas) da ACIS para as distintas EOXI”, explica a responsable da Unidade de Formación Continuada del CHUVI, Laura Moure.

Todos os niveis asistenciais

Os cursos de formación continuada que se ofertan este ano diríxense, dependendo da materia e do ámbito ao que van destinados, a todos os profesionais da EOXI de Vigo, tanto sanitarios como non sanitarios.

Con todo, os que están relacionados cos procesos de humanización están abertos á totalidade do persoal.

De feito a distribución por colectivos e por niveis asistenciais así o demostra. Dos 45 cursos programados por ACIS para a área sanitaria de Vigo, 12 o son para todo o persoal; 15 para o persoal sanitario, tanto facultativos como de enfermaría ou farmacia; 6 específicos para a formación de enfermaría; 4 exclusivos para técnicos de coidados auxiliares de enfermaría; 5 para o persoal de xestión sanitaria; e 1 para fisioterapeutas de atención primaria.

A maioría dos cursos impartiranse no Hospital Álvaro Cunqueiro aínda que algúns tamén se farán no Meixoeiro e no Nicolás Peña, e haberá 12 que terán como escenario centros de Atención primaria. Estes concentraranse en dúas instalacións: os centros de saúde de Rosalía de Castro e de Bembrive.

Coidado aos profesionais

Ademais dos cursos que están dirixidos ao persoal sanitario para resolver diversas situacións asistenciais, hai outros que se orientan especificamente ao propio coidado dos profesionais.

Entre eles figuran os que se refiren ao manexo de situacións de condutas desafiantes, especialmente en PACs e Urxencias; a abordaxe do paciente axitado; ou como encarar as situacións de emerxencia provocadas por pacientes violentos.

Un segundo apartado para facilitar o traballo dos profesionais inclúe cursos como as relacións eficaces nos equipos de traballo, a comunicación e o traballo nun equipo multidisciplinar; o uso correcto e o mantemento dos equipos de protección individual no ámbito asistencial; ou as solucións a conflitos interpersoais.

Comentar noticia

Your email address will not be published.