A xornada anual da Escola de Igualdade María Vinyals arranca este xoves en Soutomaior coas mulleres máis relevantes no campo da Igualdade do panorama galego e estatal. Baixo o título Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero. O Estado da Cuestión, a Deputación de Pontevedra ten por obxectivo, tal e como adiantou a presidenta Carmela Silva, “achegar o pacto á realidade municipal, ás persoas que no ámbito local traballan coas vítimas das violencias machistas”.
Con todas as prazas esgotadas, a Escola de Igualdade María Vinyals arrancará a xornada anual ás 9.30 coa inauguración oficial a cargo da presidenta da Deputación, Carmela Silva, e da deputada de Igualdade, Isaura Abelairas. Media hora despois terá lugar a conferencia sobre “A xénese, evolución, situación actual e perspectivas do Pacto de Estado” a cargo de Ángeles Álvarez, militante feminista que desenvolveu un papel clave na posta en marcha do pacto e tamén para conseguir que o Goberno cumprise a súa promesa de destinar 200 millóns de euros este ano á posta en marcha de medidas contempladas no mesmo.
Ás 12 horas terá lugar a mesa redonda titulada “Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Análise desde o ámbito xurídico e social” na que participan Inmaculada Montalbán, maxistrada do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía e ex vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial, e María Luisa Soleto, directora da Fundación Mujeres e compoñente do Observatorio Estatal contra a Violencia de Xénero.
Xa pola tarde, a partir das 16 horas, terán lugar os obradoiros “Xulgar con perspectiva de xénero como metodoloxía de impartición da xustiza equitativa”, a cargo de Gloria Poyatos, maxistrada do Tribunal Superior de Xustiza de Canarias e presidenta da Asociación de Mulleres Xuristas; “Cambiar as imaxes para cambiar o mundo”, impartido por Yolanda Domínguez, artista visual e experta en Comunicación e Xénero; e “A atención primaria e o seu compromiso ante a violencia de xénero”, a cargo de Rosana Izquierdo, médica de atención primaria e responsable do grupo sobre violencia de xénero da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria.
Finalmente, ás 18.30 horas, desenvolverase a clausura da xornada “Pacto de Estado. E agora que?” a cargo de María Paz Filgueira, maxistrada do Xulgado de Violencia sobre a Muller número 1 de Vigo.
A Escola de Igualdade María Vinyals, unha das primeiras apostas do Goberno de Carmela Silva, comezou a súa andadura no ano 2016 e converteuse en pioneira en Galicia e nunha das poucas escolas destas características que existen no Estado. No seu primeiro ano, puxéronse en marcha dúas xornadas sobre políticas de igualdade e muller e liderado e, no 2017, organizouse outra sobre violencias machistas, todas elas no castelo de Soutomaior.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.