A III Andaina Solidaria do tinto bate récords de donativos

A asociación BATA que loita pola inclusión social das persoas con autismo recibiu os 800 € recaudados nesta iniciativa solidaria
Publicado por o día 08/06/2018 na sección de Galicia,Ribadumia

A III Andaina Solidaria do tinto bate récords de donativos

O Concello de Ribadumia informa de que esta mañá foron entregados á Asociación BATA os donativos acadados coa III Andaina Solidaria.

Un novo ano, o Concello decidiu celebrar a que se está a converter nunha tradición máis da “Festa do Viño Tinto do Salnés e Exaltación das Variedades Autóctonas”: a Andaina Solidaria. Trátase xa do terceiro ano consecutivo no que se leva a cabo esta iniciativa, que pretende recadar fondos para algunha entidade que participe en causas solidarias. As pasadas edicións, Cáritas foi a asociación elixida para recibir os donativos que os participantes na camiñada fixeron de xeito voluntario. Nesta ocasión, a beneficiada foi a asociación BATA, que loita pola inclusión social das persoas con autismo, así como na axuda aos seus familiares.

Nesta terceira edición, a organización destacou un aumento da participación, que consolida o crecemento progresivo da actividade. Pero, sen dúbida, o dato máis salientable foi o de recadación que, nesta ocasión, acadou unha cifra récord: 800€ aportados polos participantes cos seus donativos, unha cifra bastante superior ás acadadas en anteriores edicións.

Esta mañá, os representantes do Concello e a Organización da andaina fixeron entrega do cheque simbólico ao presidente da asociación, Mario Trigo. Os fondos recibidos, comentou, irán destinados principalmente á compra de material e mobiliario para unha nova aula pedagóxica que a asociación ten previsto abrir este ano, e que permitirá ampliar as prazas do Servizo Educativo ofrecido por Bata para rapaces e rapazas de 3 a 21 anos.

O Concello e a Organización da andaina agradecen a colaboración de todas as persoas participantes, que fan que esta iniciativa sexa posible e que este ano mostraron máis que nunca a súa solidariedade e implicación co maior donativo acadado ata a data.