“A illa das mentiras” de Paula Cons, participará na Sección Oficial do Festival Internacional de Cine de Shanghái

Publicado por o día 20/07/2020 na sección de Cultura

“A illa das mentiras” de Paula Cons, participará na Sección Oficial do Festival Internacional de Cine de Shanghái

Comprácenos anunciar a participación de A illa das mentiras, ópera prima de Paula Cons, na 23ª edición do Festival Internacional de Cine de Shanghái (SIFF), o festival máis importante de Asia e o único festival de China de clase A.
A película participará na sección oficial “Golden Globet Award” do certame. Trátase do primeiro festival de clase A que se celebra físicamente despois da pandemia.

O festival adoita celebrarse en xuño, pero a crise da COVID-19 obrigou a pospoñelo. Así pois, dará comezo o vindeiro 25 de xullo e prolongarase ata o 2 de agosto. Un día antes, o 24 de xullo, a película estrearase na plataforma Filmin.

A illa das mentiras está dirixida por  Paula Cons e protagonizada por Nerea Barros Dario, Aitor Luna, Victoria Teijeiro, Ana Oca e Milo Taboada. A película está inspirada en feitos reais, concretamente no afundimento do buque “Santa Isabel” fronte ás costas da illa de Sálvora (Pontevedra) en 1921.

Sinopse:
Inspirada libremente en feitos reais. A madrugada do 2 de xaneiro de 1921, o buque Santa Isabel, con destino Bos Aires e 260 persoas a bordo, afundiu fronte á dura costa da illa de Sálvora, en Galicia. A falta de homes na illa tres mulleres, María (Nerea Barros), Josefa (Victoria Teijeiro) e Cipriana (Ana Oca), deciden ir ao rescate salvando a 48 persoas, un acto heroico que pagarán ben caro.
Un xornalista arxentino, León (Darío Grandinetti), acode a Sálvora para cubrir a noticia do naufraxio. Pouco a pouco irá descubrindo que esa noite se produciron demasiadas casualidades na illa, chegando incluso a sospeitar que o naufraxio puido ter sido provocado. Namentres, xa nada será igual. O naufraxio sacudirá e cambiará para sempre a vida da illa.

A illa das mentiras é unha coprodución entre a produtora galega Agallas Films, a vasca Historias del Tío Luis, a arxentina Aleph Cine e a portuguesa Take 2000. Conta coa participación de TVG, RTVE e ETB, e co apoio de AGADIC, Governo Vasco, ICAA, INCAA arxentino, ICA portugués e o Programa Ibermedia. Filmax ocúpase da súa distribución nacional e internacional.

Comentar noticia

Your email address will not be published.