A Illa de Arousa recibirá máis de 7.600 euros da Deputación para as axudas básicas de emerxencia

O Goberno xa ten aprobados 458.000 euros para este programa que atende as demandas de urxente necesidade da veciñanza en situación ou risco de exclusión social
Publicado por o día 24/09/2018 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Vilagarcia

A Illa de Arousa recibirá máis de 7.600 euros da Deputación para as axudas básicas de emerxencia

A Deputación de Pontevedra, en Xunta de Goberno, acaba de aprobar as axudas básicas de emerxencia 2018 para o concello da Illa de Arousa. Déuselle o visto bo a un total de 7.650 euros.

Trátase do sexto grupo de axudas básicas de emerxencia aprobadas no que vai de ano 2018. En maio aprobáronse as partidas para 41 concellos da provincia por un importe total de 372.500 euros; en xuño tamén se destinaron axudas para outros tres concellos cun total de 26.200 euros. No mes de xullo, déuselle o visto bo a un novo grupo de axudas para outros dous municipios por un importe de 17.200 euros; e a finais dese mesmo mes, a outros dous municipios cun total de 17.300 euros. Ademais, o pasado mes de agosto tamén se aprobaron as partidas para outros dous municipios por un importe de 17.150 euros.

En conxunto, ata agora o Goberno provincial leva aprobados 458.000 euros para as axudas básicas de emerxencia en 51 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Neste ano 2018, o importe total da Deputación para estas axudas é de 465.000 euros. Durante o ano pasado, este programa deu cobertura ás necesidades básicas de 1.861 familias da provincia. Delas, 1.067 tiñan menores ao seu cargo, 1.150 tiñan ambos proxenitores en situación de desemprego e 321 eran familias monoparentais.

Estas axudas destínanse aos concellos de menos de 20.000 habitantes e teñen por obxecto atender as demandas de urxente necesidade da veciñanza en situación ou en risco de exclusión social, con especial atención ás persoas con menores a cargo. A tipoloxía das axudas cubre diferentes gastos: alimentación, uso de vivenda, pagamento de recibos, produtos de hixiene e limpeza, produtos farmacéuticos, adquisición de electrodomésticos básicos, desprazamentos, lentes e audiófonos, gastos derivados de tratamentos de odontoloxía, produtos de apoio para persoas con dependencia ou discapacidade ou axudas de apoio á infancia.