A iluminación de Rande, novo chanzo na escalada de deslealdades de Feijóo contra o goberno central

Publicado por o día 06/02/2020 na sección de Política,PSOE

A iluminación de Rande, novo chanzo na escalada de deslealdades de Feijóo contra o goberno central

“Moi poucas luces debe de haber no Goberno galego” para decidir presentar o proxecto de iluminación da Ponte de Rande sobre o que carecen de competencias. Así resumiu a viceportavoz do Grupo Socialista Patricia Vilán o “escandaloso” proceder do goberno galego, cegado na “escalada de deslealdade” de Feijóo contra o goberno central que lles levou a dar este novo “chanzo” no enfrontamento con Madrid.

Vilán afeoulle ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, á conselleira de Infraestruturras, Ethel Vázquez, e á delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, que decidiran plantarse o pasado luns en Vigo e anunciar 4 proxectos de 3 empresas no concurso para a iluminación da ponte cando é competencia exclusiva do goberno central. Amosou a súa sorpresa por que se “atreveran a anunciar que a Xunta colaborará economicamente no proxecto”.

A responsable socialista explicou que a Xunta “nin ten competencia sobre a AP-9, nin sobre a ponte de Rande nin debera ter conexión algunha con Audasa”, a empresa concesionaria da autoestrada. Amosou así a súa “preocupación” pola vía empregada polo goberno galego para “obter unha información e dar a primicia” dun proxecto competencia do Ministerio de Fomento e un trámite que se atopa “nas mans de Audasa”.

Lamentou que o goberno galego demostre “cada vez menos lealdade co goberno de España” nunha estratexia claramente orientada á precampaña electoral e que, ironizou, “deben pensar que ir a Vigo a anunciar luces lles vai supoñer rédito electoral”.

O Grupo Socialista presentou unha serie de iniciativas parlamentarias para que a Xunta explique as competencias que considera que ostenta sobre a Ponte de Rande, así como os fondos que supostamente aportará o goberno galego ao proxecto, que expliquen a vía pola que obtiveron a información.

Tamén lles pide que “digan se van respectar que sexa Fomento quen determine a proposta máis conveniente dende o punto de vista técnico e medioambiental e busque ademais formas de financiamento”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.