A iluminación pública de Bora con tecnoloxía led

O consumo enerxético reducirase arredor do 80% o que suporá un aforro de máis de 40.000 euros ao ano
Publicado por o día 05/06/2018 na sección de Galicia,Pontevedra

A iluminación pública de Bora con tecnoloxía led

A Xunta de Goberno local do Concello de Pontevedra deu hoxe luz verde á adxudicación da mellora lumínica e eficiencia enerxética da iluminación pública de Bora a empresa Setga, por un importe de 203.933,406 euros. A empresa ten un prazo de 5 días para realizar os traballos de substitución das luminarias, 460 en total, as máis delas de vapor de sodio. Instalaranse luminarias LED polo que “ademais dunha maior eficiencia enerxética, teremos menos contaminación lumínica, menos avarías e máis calidade”, sinalou Raimundo González, portavoz do Goberno local. Á hora de decidir a adxudicación, valorouse a oferta económica mais tamén os prazos de mantemento (7 anos) e garantía (8 anos).

Coas novas luminarias led redúcese a potencia media de 130 a 30 vatios (w) e o consumo baixará de 250.000 kw/ano a 55.200, o que supón un aforro anual do 78%, de 194.800 kw/ano. “Este nivel de aforro no consumo vai a supoñer un aforro (de enerxía e mantemento) de algo máis de 40.000 euros ao ano na parroquia” sinalou González Carballo, quen estima que nun prazo de 5-6 anos quedará amortizado o investimento.

Bora é a terceira parroquia na que o Concello substitúe toda a iluminación pública por leds, após a de Ponte Sampaio e A Canicouva. Agora é a quenda de Bora e, segundo apunta o portavoz do Goberno local, ás próximas poderían ser Santo André e Santa María de Xeve e Verducido