A industria agroalimentaria galega é a terceira en volume de exportacións despois do téxtil e a automoción

O director do Igape, Juan Cividanes, informou hoxe na sede do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) sobre os programas autonómicos de apoio á internacionalización do tecido empresarial galego
Por o 06/03/2019 | Sección: Economía
A industria agroalimentaria galega é a terceira en volume de exportacións despois do téxtil e a automoción
Compartir en:

O director do Igape, Juan Cividanes, informou hoxe en Santiago, na sede do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), sobre os programas autonómicos de apoio á internacionalización, centrándose especialmente no sector da agroalimentación, un eido onde as vendas ao exterior superaron o ano pasado os 3000 millóns de euros.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria conta na actualidade cos programas Galicia Exporta Empresas, Galicia Exporta Organismos Intermedios e o Foexga para apoiar a promoción exterior das pemes galegas. En concreto, estas iniciativas buscan reforzar o apoio directo ao tecido empresarial galego e a súa expansión internacional. En conxunto , o orzamento destes programas supera este ano os 11,6M€.

Cividanes resaltou a importancia do sector agroalimentario e biotecnolóxico nestas iniciativas e lembrou o peso desta industria no conxunto das exportacións galegas, sendo o terceiro sector en volume despois do téxtil e a automoción. No 2018, as súas vendas internacionais representaron o 13,4% do total, sumando o valor de 3065,6 millóns de euros, continuando, así, a súa evolución positiva, cun aumento do 1,8% con respecto ao ano 2017.

O director do Igape sinalou tamén que o ano pasado un total de 1384 empresas galegas do sector da alimentación venderon os seus produtos no exterior. Delas, case a metade, 663, exportan regularmente, é dicir, fixérono de forma consecutiva durante os últimos catro anos, o que supón un incremento do 1,1% con respecto a 2017. En termos globais, o ano pasado en Galicia, o número de empresas exportadoras e exportadoras regulares alcanzaron as 7259 e 2498, respectivamente.

Entre os produtos alimentarios máis vendidos no exterior, destacan os pesqueiros, cárnicos, lácteos e ovos, seguidos polas froitas e hortalizas, as bebidas e as graxas e aceites. Os principais destinos da produción agroalimentaria galega son os países da Unión Europea, con Portugal e Italia á cabeza, seguidos por Estados Unidos e China.

Sobre o comportamento exportador doutros sectores produtivos, destaca o incremento no sector da maquinaria, que medrou un 92,2% e acadou un valor de 762 millóns de euros; o dos cementos que subiu nun 55,1% e logrou un volume de 135 millóns; e o dos produtos minerais, que se incrementou nun 23,7% e acadou unhas vendas de 1.980,2 millóns.

As exportacións galegas en xeral superaron por primeira vez en 2018 a barreira dos 22.000 millóns de euros, acadando un 8% do total das exportacións españolas. Ademais, a Comunidade conta un superávit comercial de 3.835,5 millóns de euros, situándose como a terceira mellor balanza en termos absolutos, despois de País Vasco e Navarra. As exportacións medraron nun 5,4% con respecto a 2017, sumando 22.857 millóns de euros.

No referente aos destinos, en 2018 destacan os incrementos das vendas a países como Bélxica, cun aumento do 35,2%; Portugal e Polonia, cun 14%; Reino Unido, cun 13,3%; Italia, cun 10,4%; China, cun 6,7%; e Xapón cun 6,2%. Ademais, cómpre resaltar a suba das exportacións cara aos países da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), cun incremento do 6,6%; da Organización de Países Exportadores de Petróleo (OPEP) cun aumento do 12,1%; e do Mercosur cun crecemento do 22%.

Comentar noticia

Your email address will not be published.