A industria agroalimentaria galega factura xa 4.600 millóns de euros e dá traballo a 17.000 persoas

Preto do 60% das empresas sitúanse en concellos de menos de 10.000 habitantes e o 75% delas teñen a categoría de microempresas
Publicado por o día 29/03/2018 na sección de Alimentación

A industria agroalimentaria galega factura xa 4.600 millóns de euros e dá traballo a 17.000 persoas

A industria agroalimentaria galega ten unha importancia capital para a economía da comunidade en xeral e, en particular, para as comarcas nas que se establece. De feito calcúlase que este sector está formado por unhas 1.700 empresas, que alcanzan unha facturación superior a 4.600 millóns de euros e dan traballo a cerca de 17.000 persoas.

Destacan as industrias lácteas, cárnicas e de alimentación animal que facturan máis do 90% do total. Son tamén moi relevantes as industrias vinícolas que, aínda que a súa facturación non chega ao 5%, representan en número cerca do 40% do total, polo tanto con gran relevancia en diferentes zonas territoriais de Galicia.

De feito, o sector agroindustrial é clave no equilibrio territorial e no desenvolvemento das economías locais, proba diso é que preto do 60% das empresas se sitúan en concellos de menos de 10.000 habitantes e o 75% delas teñen a categoría de microempresas.

Apoio económico

Por todo iso, a Consellería do Medio Rural apoia a este sector a través de dúas liñas de axuda, dunha banda para investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga).

A través destes instrumentos de apoio, a industria agroalimentaria recibiu entre 2007 e 2015 (período do último Programa de Desenvolvemento Rural, PDR) case 183 millóns de euros, que serviron para apoiar 1.521 proxectos, cun investimento total de máis de 524 millóns de euros. Xa durante o actual PDR van 204 proxectos aprobados cun investimento de máis de 136 millóns de euros e unha subvención concedida superior aos 49 millóns de euros. As cifras destes dous últimos anos amosan que hai unha forte dinámica inversora neste sector, algo que celebra a Xunta de Galicia pola repercusión que ten para os veciños.

Por sectores

Por sectores destacan os investimentos no lácteo e no cárnico, os sectores de máis peso na nosa comunidade. En concreto, no período 2007-2017, o sector cárnico representou o 17% dos proxectos e das axudas concedidas e no lácteo, a porcentaxe de proxectos inversores foi do 13%, pero acumulou case un 27% das axudas concedidas.

En cambio, no período máis recente, os anos 2016 e 2017, xa co actual PDR, pódese apreciar un significativo aumento de peso relativo aos no sector lácteo, que superaron o 50% das axudas totais concedidas e incluíron expedientes de empresas que apostan claramente pola diversificación e o incremento do valor engadido do leite, un dos grandes retos de futuro.

Tamén é de destacar o dinamismo inversor do sector vitivinícola, que no mencionado período acumulou máis do 48% dos proxectos aprobados e un 19% da subvención concedida.