A industria da madeira en Galicia prevé que a súa facturación no presente ano sexa un 26% inferior á de 2019 por mor dos efectos que está a ter na súa actividade a crise da COVID-19. Esta é un dos principais resultados dunha enquisa realizada pola a Escola de Enxeñaría Forestal e a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) a 117 empresas do sector. O estudo presentado este luns no seminario virtual Retos da industria forestal post-COVID-19, permitiu constatar tamén que esta crise sanitaria, que afectou negativamente ao 95% das empresas, provocou que a maioría visen retardada a súa actividade, mais non parada. Así mesmo, as empresas participantes nesta enquisa sinalaron á incerteza derivada desta situación e a unha hipotética caída da demanda, como as súas “principais preocupacións”, como explicou o director da EE Forestal, Juan Picos, no seminario que se levou a cabo a través do Campus Remoto da Universidade de Vigo e que contou coas intervencións do reitor, Manuel Reigosa, e do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde.
Diferentes representantes do sector participaron tamén, xunto co director de Xera, Ignacio Lema, nun seminario que serviu para dar a coñecer os resultados dunha enquisa realizada na primeira quincena deste mes e que reuniu as respostas de empresas de diferentes subsectores, cunha facturación conxunta de máis de 800 millóns de euros anuais “Estamos a falar dun sector capilar para a economía de Galicia, proactivo e con futuro”, sostivo o director da EE Forestal, mentres que Reigosa puxo o acento o importante papel desta escola en materia de investigación e transferencia e en como esta pon “as súas capacidades a disposición de toda Galicia”. Na apertura do acto, o reitor lembrou que “falar da industria forestal é falar dunha das nosas fortalezas”, aspecto no que tamén incidiu Conde, que lembrou que, máis aló da crise, a industria da madeira “pode ter moitísimas oportunidades”, tanto no eido da “bioeconomía e do desenvolvemento de novos materiais”, como á hora de dar resposta á demanda de materiais sanitarios e de “transformación de espazos”, á que está a obrigar esta crise sanitaria. De aí que o conselleiro puxese en valor a “descrición da realidade” que supón un estudo, “único en España”, que “permite escoitar ao sector” e constitúe unha “ferramenta moi útil” para a administración autonómica.
Unha crise que diminuíu nun terzo a facturación
O 98% das empresas que participaron no estudo afirmaron que esta crise afectoulles “negativamente ou moi negativamente”, o que, como explicou Picos, permitiu constatar que a situación xerada pola COVID-19 tivo efectos negativos no conxunto da industria, “independentemente do tamaño das empresas”, aínda que tamén houbo casos de “empresas que viron incrementada a súa demanda”, no caso concreto dos “subsectores” da pasta de papel e da biomasa. No referido á actividade, só o 4% das empresas enquisadas se viron obrigadas a parar, pero preto do 70% viron “como o traballo diminuía moito”, mentres que só o 15% recoñeceron manter unha actividade normal e un 2% afirmaron que mesmo se incrementou neste período.
Con respecto aos efectos da crise na súa facturación, o estudo sitúa no 26% o descenso que as empresas prevén sufrir este ano con respecto a 2019, mentres que, no referido a como variaron os seu volume de ingresos entre marzo e abril deste ano e do ano pasado, a media de descenso sitúase no 35%, “o que supón unha caída importante”, como recoñeceu Picos. Pese a isto, “preto dun terzo das empresas asumen que van manter os investimentos” previsto para este exercicio e un 7% mesmo agardan incrementalos, salientou o director da EE Forestal.
Preocupados pola caída da demanda
No referido ás “ameazas” que para a esta industria suporá a crise, “a practica totalidade asume que ameaza máis grande é a incerteza” derivada desta situación, sendo a caída da demanda a segunda variable máis destacada, por riba da propia continuidade da empresa. “Isto ten moito que ver coa filosofía do sector, non significa que non vaia haber problemas para a continuidade das empresas, senón que é un sector moito menos volátil que outros, que está aquí para quedarse e que fará o posible para seguir funcionando”, salientou Picos. De feito, preguntadas por se consideraban necesario levar a cabo “algún cambio estratéxico”, o 64% das empresas viron necesario “reorientar a súa actividade”, o que amosa, engadiu, que se trata “dun sector proactivo á hora de buscar solucións e alternativas”.
Por outra banda, a enquisa permitiu coñecer que o 46% das empresas non solicitaron ningunha das axudas postas en marcha polas diferentes administracións, e que as que o fixeron, optaron maioritariamente, no 60% dos casos, polos préstamos ICO. Só o 11% das empresas enquisadas, por outra banda, puxeron en marcha un Expediente Temporal de Regulación de Emprego, que, no conxunto da industria, foi solicitado por un total de 270 empresas, afectando a 228.450 traballadores.
O estudo buscou así mesmo coñecer que medidas se viron adoptadas as empresas do sector por mor desta crise sanitaria, das que “unha das máis relevantes foron os cambios na relación con clientes e provedores, algo que probablemente teña un impacto máis a longo prazo”, sinalou Picos. O director da EE Forestal incidiu por último na importancia para o conxunto da economía galega dunha industria “á que lle venden produtos máis de 80 sectores e subsectores e que compra á súa vez a outros 60”. Nesa mesma liña, puxo o acento no importante papel que a industria pode xogar á hora de que “axudar a Galicia aproveitar o Green Deal europeo”, o cal lle levou a incidir na necesidade dunha política de apoio a longo prazo” que permita “articular a demanda” e garanta a súa continuidade, dado o papel que pode xogar neste “marco de transformación cara unha sociedade máis aliñada co medio ambiente” impulsado desde a Unión Europea.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.