A industria electrointensiva esixe en Madrid un prezo xusto para a enerxía

CCOO lembra que milleiros de postos de traballo dependen do custo da electricidade
Publicado por o día 22/01/2020 na sección de CC.OO,Protestas,Sindicatos

A industria electrointensiva esixe en Madrid un prezo xusto para a enerxía

Salvar a industria e o seu emprego, obxectivo da manifestación que hoxe tivo lugar en Madrid. Traballadores e traballadoras das principais industrias do Estado percorreron a distancia que separa os ministerios de Transición Ecolóxica e Industria. CCOO esixe medidas que garantan o futuro dos postos de traballo e da actividade nas grandes consumidoras de enerxía.

Quince autobuses —seis deles, chegados desde Galicia— transportaron boa parte das persoas que se manifestaron na capital do Estado. Diante das sedes ministeriais, esixíronlle ao Goberno un pacto estatal pola industria e a publicación inmediata do Estatuto do consumidor electrointensivo.

CCOO-Industria lembra que milleiros de postos de traballo dependen do asinamento deste documento, fundamental para garantir un prezo xusto para a enerxía e, polo tanto, a competitividade dos sectores que dependen dela.

O sindicato urxe o Goberno a concretar as políticas que son fundamentais para o sector, na liña dos países próximos —como Alemaña e Francia—. Entre outras, o pagametno polas emisións indirectas de CO2; a redución de peaxes e a carga impositiva; fomentar os contratos bilaterais; as leis comerciais e o dereito antidúmping.

Por tratarse de regulacións que se enmarcan en distintas leis do ámbito estatal, CCOO-Industria lembra que é urxente e necesario que exista un amplo consenso de todo o arco parlamentario.

Comentar noticia

Your email address will not be published.